M. V . A Plataforma pola Defensa do Patrimonio de Quilmas denuncia de novo os vertidos 'ilegais' da piscifactoría local, que a Xunta pretende multiplicar por doce a través do polémico Plano Acuícola.
A problemática de Quilmas, Carnota.
Unha ampliación que se realizaría nos mesmos terreos da Cooperativa a Raíña Lupa, creada polos veciños para buscar na agricultura ecolóxica unha alternativa aos plans da multinacional baseada en Luxemburgo Stolt Sea Farm. Os veciños van denunciar esta mañá ao Seprona “os vertidos que as súas terras de labor están a sufrir procedentes da granxa de Stolt Sea Farm”. Non é a primeira vez que os axentes da Guardia Civil achéganse até esta parroquia de Carnota ante os vertidos da planta. Unha instalación que leva anos a verter ao mar malia carecer do permiso correspondente. Reactívanse así as protestas veciñais contra o Plano Acuícola, lanzado nos últimos días do Goberno Fraga e referendado, eliminando algunhas plantas, polo bipartito. Trátase dunha das iniciativas máis impopulares das aprobadas na lexislatura anterior. O Plan xa está aprobado no DOG e agora o novo Goberno debe publicar os proxectos para cada granxa. Durante a campaña, o PP comprometeuse con varias plataformas veciñais a deter algúns dos proxectos –como por exemplo da situada en Xandriña, no municipio de Camelle– e limitar outros, como o de Merexo, en Muxía. Isto logrou desactivar varias das plataformas veciñais, moitas delas moi críticas durante as pasadas campañas electorais. Queda por ver se os conservadores retiran ou non algunhas plantas. Polo de agora, parece que, segundo temen os veciños, o macroproxecto de Stolt para Quilmas segue adiante e que o proxecto de expropiación será publicado nos taboleiros do Concello de Carnota antes de que remate o verán.
1 / 2
Descargar Tarifas