María Lado, recitando en Barcelona
Nunha ocasión, unha persoa que aprecio chamoume prosaica. Tiven que buscar a palabra no dicionario para asegurarme do que quería dicir: que estou falta de poesía! Haberá algo peor no mundo que a un lle digan tal cousa? Dende aquela, e xa choveu, collinlles medo aos versos, a non sentilos, a falar deles, a non saber valoralos na súa xusta medida. Como se na miña engrenaxe mental faltase a peza do poético, así me vin, impedida para captar unha clase de beleza reservada só ao entendemento dos poesaicos.
En que momento me deixei dominar pola tiranía da razón prosaica? Non o sabería dicir con exactitude, mais teño unha idea. De pequena, tres anos, caín a un pozo cando tentaba coller pexegos. Unha amiguiña e máis eu subimos enriba da tapa apodrecida do foxo para poder achegarlles ás ponlas máis altas da árbore. As táboas partiron e precipitámonos na negrura profunda do pozo. Penso que debeu ser naqueles angustiosos minutos de mollo cando perdín parte da poesía coa que todos os seres humanos nacen. Un rapaciño que estaba con nós deu aviso no rueiro. Xuntáronse uns cantos homes, botaron unha corda de batea ao pozo e mentres uns agarraban dun chicote, outro baixou a rescatarnos. Emerxemos á superficie xa case sen folgos poéticos.
Apenas me acordo daquel suceso, e non sei se as imaxes que me veñen á cabeza son reais ou as reconstruín eu logo co relato que me contaron na casa. O caso é que nos anos seguintes, cada vez que me topaba no camiño co rapaz que deu o aviso, pedíame un peso en compensación por terme salvado. E así foi como dende moi cedo me fun facendo prosaica pero sen tomar consciencia da miña condición. Até que mo chamaron.
Con este meu complexo, o pasado martes pola noite fun ver un recital de vídeo poesía ao Palau da Virreina de Barcelona. “Poètiques de l’absurd”, chamábase o acto. Cando cheguei, un poeta alemán facía preguntas retóricas: “Podemos vacinarnos contra os poemas? Como ha de ser de bo un poema para que estea prohibido? Como se poden defender os poemas de ser metidos en antoloxías?”.
A continuación veu a actuación que eu estaba agardando, a dos artistas galegos Mig Seoane e María Lado. El sentado coa guitarra, ela de pé co meniño no colo. “É o noso fillo”, dixo a poetisa de Mallou, “o que escribe en realidade é el”. Quedei impactada coa visión do neno no escenario, e sobre todo, coa súa actitude durante o espectáculo, cos ollos ben abertos, como se estivese enfeitizado co recitar da súa nai. A performance adquiriu unha atmosfera desacougante, polo que dicían os versos de Nove, pola música, polas imaxes proxectadas... Mesmo xuraría que puiden aprehender algo da maxia poética, e que dende entón, son un pouco menos prosaica.
Descargar Tarifas