Europa Press . Activistas de Greenpeace procedentes do barco 'Rainbow Warrior' denunciaron hoxe cunha pancarta colocada nunha batea na Ría de Arousa que os efectos do cambio climático sobre a produción de mexillón e outros sectores da economía 'son xa unha realidade'.
Agustín Hernández con responsábeis de Greenpeace.
Así, mergulladores de Greenpeace despregaron pancartas coa mensaxe 'Pechada por cambio climático' en castelán e galego debaixo dunha batea mexilloneira en augas do Grove, na bocana da Ría de Arousa. Científicos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo e propietarios de bateas acompañaron os activistas de Greenpeace.
A organización ecoloxista sinala o sector mexilloneiro como "unha das vítimas dos efectos do cambio climático no Estado español" e pide compromisos políticos para frealo. O 'Rainbow Warrior' está realizando un tour por diversas zonas do litoral español en calidade de "embaixador do clima" para concienciar a cidadanía e demandar os responsábeis políticos solucións urxentes para combater o cambio climático.
Segundo recordou a organización ecoloxista, científicos detectaron que a modificación do réxime de ventos que sopran sobre a plataforma continental, como consecuencia do cambio climático, "ten un efecto directo" tanto sobre o crecemento do mexillón como sobre a recorrencia das proliferacións de microalgas nocivas (mareas vermellas) "que obrigan ao peche das bateas e retardan a recollida e comercialización do mexillón en Galiza".
Crecemento
Desde o 1965 até a actualidade se apreciou unha diminución do crecemento na fase de preengorde do mexillón cultivado na Ría de Arousa do 20 por cento.
No mesmo período, segundo resaltou, observouse que se duplicou o número de días que non se pode extraer mexillón pola presenza de mareas vermellas. Os científicos afirman que a causa destes cambios "é a redución significativa" nos últimos 40 anos na duración e intensidade (unha redución do 30 por cento en duración e 45 por cento en intensidade) dos ventos que fan posíbel a renovación das augas nas Rías Baixas e "condiciona a produtividade das augas e o tempo de duración das mareas vermellas".
"O sector mexilloneiro sabe xa que o cambio climático leva perdas económicas", sostivo o responsábel da campaña de bosques e clima de Greenpeace, Miguel Anxo Soto. "As predicións non son nada optimistas. Haberá máis mareas vermellas e aumentarán os períodos nos que non se pode recoller o mexillón polo que ou tratamos o problema do cambio climático de xeito urxente ou máis sectores estratéxicos como este sufrirán grandes perdas", apostilou.
Greenpeace demándalle o Goberno español que aposte pola redución interna de emisións e achegue os 2.700 millóns de euros que lle corresponden pola súa responsabilidade na crise climática. "O novo modelo de crecemento sostíbel de Zapatero só terá futuro se se basea nunha economía baixa en carbono. Non se poderá saír da actual crise económica se non combatemos á vez a crise ambiental", concluíu Miguel Anxo Soto.
Descargar Tarifas