Redacción . Máis dun cento de obras de autores galegos viaxan ao Salón do Cómic de Barcelona co obxectivo de 'promover a banda deseñada galega e a creatividade dos autores e editores galegos' máis aló das fronteiras do país.
Galiza é por primeira vez comunidade invitada neste Salón, unha distinción que con anterioridade só recibiron Madrid, Valencia e as Illas Baleares. Para esta promoción Cultura instalará un espazo promocional de 150 metros cadrados deseñado por Miguelanxo Carvalho e ilustrado por Fernando Iglesias Kohell, que acollerá dúas exposicións sobre o cómic galego. A primeira delas, 'Viñetas descubertas. Certames Galegos 2000-2008', é unha panorámica da obra realizada polos autores gañadores dos galardóns máis importantes destes últimos anos en Galiza. Pola súa banda, a exposición 'Miña terra galega' constitúe unha revisión de tópicos relacionados con Galiza segundo a mirada de oito creadores: Alberto Vázquez, Kiko da Silva, Xosé Domingo, Iván Suárez, Emma Ríos, Alberto Guitián, Manel Cráneo e Diego Blanco. O programa de actividades da delegación galega iniciarase o vindeiro venres día 29 ás 13.00 horas coa visita do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, á caseta oficial. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, o presidente da Agrupación de Libreiros da Coruña moderará a mesa redonda 'Galicia, comunidade convidada' e posteriormente, ás 17.00 horas terá lugar a inauguración oficial do Salón
Cartel promocional do Salón do Cómic de Barcelona
Descargar Tarifas