Manuel Vilas . Novo concurso da Presidencia da Xunta para mercar centos de computadores, que unicamente deben traer preinstalado o Microsoft Windows XP.
A nova Xunta do PP segue a apostar polo software privativo de Microsoft, malia que no seu programa electoral Alberto Núñez Feixóo comprometíase pola implantación na administración do software libre. Con todo, a nova administración segue adiante co procedemento, incumprindo o programa electoral conservador, no que se comprometía o “impulso da implantación de software libre e uso de estándares abertos na Administración Autonómica, compartindo e reutilizando o software que fose creado con diñeiro público”.
Núñez Feixóo 'asinando' o seu contrato con Galiza.
Así, a Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica vai adquirir 180 novos computadores de sobremesa e portátiles. Todos eles deben traer preinstalado o Microsoft Windows XP, segundo figura no prego de condicións técnicas do concurso publicado no DOG do 18 de maio.
Presidencia deberá explicar o gasto en Microsoft no Parlamento
É a segunda vez que o novo Goberno publica un concurso no que unicamente se demandan produtos do xigante norteamericano. A finais de abril deu luz verde a un expediente para adquirir licencias de Microsoft por 2,2 millóns, gasto que o Goberno deberá explicar no Parlamento. Desta volta a cantidade é menor, 121.000 euros, a pagar por software, ordenadores, impresoras e pantallas.
Outra compra iniciada baixo o control do PSdeG
O certo é que nos dous casos o trámite da compra foi iniciado polo bipartito, en concreto por departamentos baixo o control do PSdeG.
Ademais, o novo concurso é responsabilidade da Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica. Este novo departamento, que depende directamente de Feixóo, coordina toda a política tecnolóxica da Xunta e, polo tanto, debería ser o primeiro en dar os pasos para cumprir o anunciado.
Fin da alternativa de arranque dúal?
Os investimentos da Xunta co software libre nacen co PEGSI, o plan de novas tecnoloxías vixente dende hai catro anos. Porén, o anterior goberno mercou repetidamente programas privativos.
Iso si, nos últimos anos era común que os concursos de hardware esixiran, ademais de produtos privativos de Microsoft, ofrecer preinsitaladas alternativas libres. Por iso moitos dos novos ordenadores das escolas teñen arranque dual, en Windows e GNU/Linux. Unha práctica que agora é ignorada.
Descargar Tarifas