PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
Por ‘toda unha vida dedicada ao galeguismo’
Xosé Manuel Beiras, Premio Trasalba 2009

Redacción .  A Fundación Otero Pedrayo acordou concederlle o Premio Trasalba 2009 a Xosé Manuel Beiras pola súa traxectoria vital ‘dedicada ao galeguismo, na máis xenerosa tradición do que no seu día significou a Xeración Nós’.

Reloxo 27.05.2009 | 08:43
TAGS: Beiras , trasalba ,

Xosé Manuel Beiras, presidente da Fundación Galiza Sempre Xosé Manuel Beiras, presidente da Fundación Galiza Sempre. Dalia

A Comisión de Goberno da Fundación, encargada de designar anualmente a persoa á que se lle dedica o Premio, logo de informar e recadar opinións do conxunto do Padroado, valorou a traxectoria vital de Xosé Manuel Beiras, “unha vida entregada xenerosamente a Galiza”, salientando a súa dimensión intelectual, cívica e de pensamento.

O encargado de realizar o laudatio do homenaxeado será nesta ocasión o presidente da RAG e presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo, Xosé Ramón Barreiro Fernández.

O Premio, que ten carácter honorífico, entregarase na Festa Literaria que se celebra o derradeiro domingo de xuño (día 28), ás doce horas, na Casa Grande de Cimadevila, en Trasalba, no concello de Amoeiro.

Biografía

Xosé Manuel Beiras Torrado naceu en Santiago de Compostela en 1936, no seo dunha familia de tradición galeguista. O seu pai, Manuel Beiras, fora comerciante, militante do Partido Galeguista e concelleiro en Santiago. Estudante de Dereito en Compostela, marchou a ampliar a súa carreira a París, onde cursou Economía e Literatura francesa, e posteriormente Economía en Londres. Nos anos sesenta entrou a traballar como profesor na facultade de Dereito da Universidade de Santiago, ao tempo que inicia a súa actividade política, participando na fundación do PSG (1963).

A súa carreira política levouno a diversos postos nesa organización, en contacto con outras organizacións nacionalistas europeas, ao tempo que foi progresando na súa carreira universitaria. Foi decano en funcións da recén fundada Facultade de Ciencias Económicas de Santiago en 1968, e en 1970 leu a súa tese de doutoramento, pola que obtivo premio extraordinario, para acceder logo á cátedra de Estrutura Económica en 1980.

Nesta época realizou a maior parte dos seus ensaios científicos e de carácter económico, dende o inaugural O problema do desenrolo na Galiza rural (1968), Estrutura y problemas de la población gallega (1970), até o máis importante: O atraso económico de Galiza, de 1972. Estas obras inciden na análise dos principais factores económicos da Galiza da ditadura, enlazando coa tradición de análise liberal do tempo da ilustración, aínda que cunha óptica esquerdista, desenvolvendo o modelo chamado “colonialismo interior” que asociaba boa parte dos problemas e atrasos de Galiza á situación política de dependencia.

Entre 1958 e 1968 foi subdirector da Revista de Economía de Galicia, que dirixía dende a Editorial Galaxia Xaime Isla Couto.

En 1982, logo de diversos fracasos electorais do nacionalismo, participa na fundación do BNG e, en 1985, convértese en deputado no parlamento galego. Elixido membro da Real Academia da Lingua nos anos sesenta, renunciou nos oitenta por unha discrepancia política.

En paralelo, Xosé Manuel Beiras desenvolveu unha intensa actividade como tradutor a finais dos cincuenta, de textos franceses, fundamentalmente da escola existencialista.

Como dato curioso, a el e mais a Xosé Luís Franco Grande débese a tradución galego de Whe Shall over come (Venceremos nós), gravada por Luís Olivares (Edigsa/Galaxia, 1967), que se convertería en himno das mobilizacións universitarias composteláns contra a ditadura en 1968.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río