
Isto éranse tres celtas que vivían no Castro dos Freires, en Sanmartiño de Corbelle. Un día enterraron unha escada de ouro que chegaba desde o Castro dos Freires a Fontefreixido, aproximadamente dous km (Cristina)
Hai moito tempo que na Coroa de Álvare había un asentamento celta e dicían que había unha grade de ouro. Despois de saberse isto tamén lle chamaron Castro de Álvare. Contoumo meu pai. (Manuel Penedo)
Hai moito tempo unha señora ía polo Pedregal de Irimia, onde nace o Miño, e levaba unhas pedriñas no mantelo. Foinas tirando. As pedriñas convertéronse en penedos até formar o pedregal. Contoumo meu tío en Ardulfe (Manuel)
Na Aguarda dise que pasou o Anxo da Garda. (Tania)
Antes dicíase que se chamaba o Camiño de Santiago porque o percorre o apóstolo Santiago. (Tania)
Conta a lenda que no monte veciñal coñecido como Modia (Rigueira), no alto de todo contra Guizán, había un castro. Os mouros deixaron enterrado un feixe de moedas envoltas nunha pel de boi. Din que aínda as noites de lúa chea se poden ver os rastros dos gardas do tesouro. (Susana, 12 anos)
Había unha muller chamada María que non estaba ben da cabeza e un día viña da festa de Álvare. Ía cruzar un río cando esbarou e morreu. E cerca de alí fíxose un cruceiro. (Tania)
Vilar de Mouros chámase así porque había un billar e nel xogaban os mouros. Contoumo meu tío (Manuel)
Río Xoán chámase así porque había un home que tiña un burro chamado Xoán, cruzaba sempre o río ata que un día non quería e o home dicíalle: “Cruza o río, Xoán!” (Manuel)
Hai máis de cen anos en Vián había unha cova nun monte. Din que nela había ouro. Dous homes foron cavar, pero pelexaron polo ouro e un deles morreu no momento e o outro quedou ferido e ao cabo morreu tamén. Cando acudiron os veciños xa non atoparon os corpos,. Só as pantasmas, e para que non se seguisen aparecendo , decidiron cerrar a cova. (Igor Iglesias, contoullo Atilano Iglesias Sequeiro, 72 anos).
No tellado da igrexa de Hermunde hai un loureiro. Di a lenda que o señor que mandou construír a igrexa tiña unha filla moza e moi bela, e dela namorou un dos albaneis que estaban construíndo o templo. O pai obrigou a rapaza a casar con outro. O albanel chorou tanto que coas bágoas fixo medrar o loureiro no barro co que se asentaban as pedras. (Antonio).
Hai moitos anos, século e pico, na Fonmiñá había un labrego cun carro e dous bois cargando herba. Os bois colleron medo e pegaron a correr e caeron no río co carro. Moito miraron pero non os volveron ver. Decidiron atar unha pedra grande de bastante peso para saber se o río era moi fondo, pero nunca encontraron o fondo a pesar de ser a corda moi longa. Contoumo Caridade Luaces Alvite (Cristian Rodríguez)
Cerca de onde vivo está o muíño das Estrigueiras e os veciños tiñan unhas horas ao día para ir moer. Nunha ocasión coincidiron dous veciños á mesma hora e un deles non puido moer. Botoulle un meigallo ao muíño: que non volvería saír fariña mentres a xente fose moer de día. Así só seguiron moendo de noite e pouco a pouco o muíño quedou abandonado. Pero, aínda que só quedan catro paredes, polo tempo do millo aínda se escoita o ruxe ruxe das pedras do muíño. (Susana Rivas, 12 anos).
Descargar Tarifas