Redacción . Os conflitos armados provocaron once millóns de desprazados ou refuxiados no este e centro do continente. A pobreza pode alcanzar a 53 millóns de persoas máis.
Hoxe celébrase o Día de África, un continente que vive dende hai décadas nun eterno intento de superar a pobreza endémica. A pesar dos importantes recursos naturais cos que conta, ano tras ano encabeza as estatísticas negativas dos estudos sobre infancia, acceso ao auga potábel, violencia ou refuxiados que frecuentemente publican os organismos internacionais e as ONG's. Segundo o estudo Social Watch, a este ritmo África subsahariana non alcanzará un nivel aceptábel en educación, saúde e igualdade até o ano 2353. Por si fora pouco, a actual crise económica mundial podería sumir a 53 millóns de persoas máis na pobreza nos países en vías de desenvolvemento, a maioría, localizados neste continente, segundo datos do Banco Mundial. Estas previsións destacan o seriamente ameazados que están os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), especialmente o obxectivo de reducir a pobreza á metade en 2015. Ademais, estímase que a crise provocará un recorte de máis dun terzo en axuda oficial ao desenvolvemento. Ninguén dubida do potencial de desenvolvemento dunha zona inmensamente rica en recursos naturais, pero segundo o Instituto de Desenvolvemento Ultramarino, os dirixentes políticos africanos desviaron entre 700.000 e 800.000 millóns de dólares procedentes do petróleo a contas no estranxeiro. A Unión Africana estimou que arredor de 148.000 millóns de dólares saen cada ano do continente con destino ao sistema financeiro dos países desenvolvidos, segundo a publicación electrónica 'Les Afriques, le journal de la finance africaine'. África conta co 11 por cento da produción e o 9,4 por cento das reservas de petróleo do mundo. A nivel institucional a celebración do Día de África o 25 maio recorda a data na que os líderes africanos reunidos en 1963 en Addis Abeba acordaron a creación da Organización para a Unidade Africana, na actualidade Unión Africana. Nun comunicado feito público pola propia organización pídese que se adique a xornada á prosperidade e a paz.
Milleiros de persoas abandonan as súas casas no Congo.
Descargar Tarifas