Europa Press . Xurxo García Vidal e Israel Clemente, os dous membros dos Grapo xulgados hoxe na Audiencia Nacional polo atraco dunha sucursal de Caixa Galicia en Santiago o 4 de xuño de 2006, recoñeceron os feitos e xustificaron a súa acción alegando que 'recuperar o diñeiro para a vida obreira é moi saudábel'. O botín superou os 35.000 euros.
Foi na súa quenda de última palabra cando García Vidal insistiu ante o tribunal da Sección Primeira da Sala do Penal en que a súa acción non era un atraco senón "unha expropiación" e quixo explicar esta interpretación dicindo que se trataba "dunha recuperación de fondos económicos". "Consideramos que o diñeiro dese banco pertence ao pobo que traballa, somos os traballadores os que producimos a riqueza e logo esas entidades bancarias a empregan contra ese mesmo pobo. Recuperar o diñeiro para a vida obreira é moi saudábel", sentenciou. García Vidal comezou a súa declaración manifestando o seu desexo de contestar en galego. "É a miña lingua", argumentou o 'grapo' quen admitiu a súa pertenza á banda desde 1997. "Era integrante dos Grapo e actuaba concretamente na extracción de fondos para a organización", explicou ante o tribunal presidido por Javier Martínez Lázaro. O testemuño de García Vidal sobre os feitos foi distinto das teses defendidas pola fiscal. A representante do Ministerio Público sostén que ambos os dous terroristas asaltaron o director da sucursal bancaria cando saía da súa casa, apuntáronlle, ameazárono con atacar a súa familia e levárono até o banco. Con todo, o 'grapo' negou calquera hostilidade contra o director da oficina bancaria, así como terlle apuntado coa pistola ou falado da súa familia. De feito, explicou que tiveron que esperar a que chegase o interventor da sucursal para abrir a caixa forte e narrou que o tempo de espera o empregaron en "falar da prensa" co seu refén. "Explotación laboral" Segundo recordou o acusado, o director do banco pediulles que tivesen coidado co interventor xa que tivera un problema cardíaco o día anterior -para o que requiriu a asistencia dunha ambulancia-. Este feito, serviulle ao 'grapo' para denunciar o abuso laboral ao que era sometida a súa vítima. "É unha proba da explotación laboral, un home que o día anterior tivera un simulacro de infarto, ao día seguinte tiña que ir traballar", denunciou. A partir de aí, García Vidal recordou que levaron o diñeiro do banco, aínda que non recordaba a cantidade exacta. "Iso estará nas contas de Caixa Galicia, os bancos contan ben os seus cuartos", dixo o terrorista, quen contou durante a súa declaración coa asistencia dun tradutor. Posteriormente, o seu compañeiro Israel Clemente López presentouse ante o tribunal como “membro do comando central dos Grapo desde 2001 e máximo dirixente da banda entre 2002 e 2007". "Reivindico e asumo todas as accións da banda entre eses anos", dixo. "Vostede tamén vai necesitar tradutor?", preguntoulle o presidente do tribunal. "Non, eu son de León", replicou o terrorista, quen apoiou a versión do seu compañeiro aínda que con algunhas "matizacións". Segundo declarou, o director do banco nunca lles dixo que o seu compañeiro sufrira un infarto e admitiu como “probábeis” as ameazas con atacar a súa familia. "Tratábase dun atraco, hai que facer cousas para que a persoa acceda a facer algo que de forma natural non faría", xustificou.
Audiencia Nacional
"Comentáronme que coñecían á miña familia e que tiñan datos deles, sentinme ameazado", contestou o banqueiro, quen confirmou que un día antes o seu compañeiro o interventor tivo un problema cardíaco. Así mesmo, o propio interventor confirmou os feitos. "Entrei na oficina e o director díxome: 'queda tranquilo, estannos atacando, logo dixéronme que eran dos Grapo".
Por todos estes feitos, a fiscal solicitou 25 anos para Israel Clemente e 22 anos para Xurxo Vidal. Acúsalles dun delito de integración en banda terrorista -no caso do primeiro en grao de dirixente-, outro delito de atentado contra as persoas e un delito de terrorismo con roubo con violencia e detención ilegal. No entanto, a representante do Ministerio Público reduciu levemente a súa petición inicial -27 anos para ambos- ao considerar que o delito de detención ilegal polo que viñan sendo acusados se engloba dentro do de roubo con violencia.
Estes dous terroristas foron xulgados os pasados 7 e 8 de maio polo asasinato de Isabel Herrero nun xuízo no que se xactaron de acabar coa vida da empresaria zaragozana. Concretamente, Xurxo García Vidal mostrouse "orgulloso" do asasinato, que se produciu en Zaragoza en febreiro de 2006. Pola súa banda, Clemente tamén foi conducido fóra das dependencias nas que se celebraba o xuízo cando, a pesar de prometer que non protagonizaría "ningún histrionismo" na súa quenda de última palabra, lanzou unha bravata en defensa da loita armada.
Descargar Tarifas