PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
BLOG XABIER CID
Xabier
Cid
Xornalista
CORRUPCIÓN E CRISE PARLAMENTARIA NO REINO UNIDO
John Moore e os deputados corruptos
Onde John e mais eu intercambiamos opinións sobre a corrupción parlamentaria no Reino Unido, e sobre o que opina John dos casos 'semellantes' que se poden estar dando en Galicia e España. Tamén onde John acaba por pensar se non será hora de que Oliver Cromwell chegue á Península.
 22.05.2009 | 07:18

Michael Martin, presidente da Cámara dos Comúns Michael Martin, presidente da Cámara dos Comúns

Cando chego á miña pinta semanal co vello John Moore, vaia sorpresa: está a ler o Daily Telegraph, un xornal que non é nada da súa corda. Pero é o Telegraph o xornal que está a liderar a investigación máis honesta e esixente sobre os gastos dos parlamentarios británicos, o que puxo o conxunto da democracia británica nunha crise sen semellanza nos últimos trescentos anos.

—A que andas, ho?— pregúntolle.

—Aquí estou, a ver quen dimite hoxe...

Nesta cadea de renuncias que levou por diante o cadáver político do presidente do Parlamento, cada día hai un capítulo novo. Os deputados británicos teñen, polo seu cargo, unha cantidade de diñeiro para utilizaren a vontade. Fundamentalmente, os cartos están (ou deben estar) relacionados co mantemento das dúas vivendas ás que teñen dereito: a de Londres e a das súas circunscricións. O problema está en que moitos deses gastos non son demasiado humildes ou xustificables, embora sexan perfectamente legais. Sir Menzies Campbell ("un respecto por el"—pídeme John—"que foi atleta olímpico!"), por exemplo, mercou con eses cartos unha tele de plasma. Chegáballe cunha vella tele de tubo? Debeu pagala do seu peto? Ter unha televisión que se vexa ben é parte do traballo dun deputado de 68 anos?

—Non foi só iso. Hai outros gastos de máis difícil xustificación. Hai xente que ten unha segunda vivenda en Londres e vive a menos dunha hora do Parlamento! Ademais, as normas internas din que só se poden gastar 750 libras nunha tele, e houbo quen foi mercala a Bang Olufsen— protéstame John.

—Estamos falando de facturas de limpeza da casa de 80 libras mensuais. Son farangullas! E ademais son gastos legais!

—Non creo que a cantidade do gastado inflúa moito na moralidade do problema. Tanto se gastan mil libras como se gastan dúas, o xardiñeiro non debemos pagalo entre todos. Ben, non debedes pagalo vosoutros, que eu non pago impostos nin pola campa... En fin, xa se verá en qué queda isto. Que tal eses días que botaches por Galicia?

—Bah, como sempre. O novo goberno ten un conselleiro acusado de falsidade documental e un delegado condenado por fraude. Ademais, ao presidente esqueceulle declarar a Facenda un coche cedido gratuitamente por unha empresa que, ademais, é a principal beneficiada das medidas anticrise do goberno.

—Vaia. E en España, como van?

—Tamén aló hai dous deputados e un presidente autonómico imputados, ao parecer por financiar os seus partidos en negro e por recibiren trato de favor.

—Pero iso é ilegal, non?

—É.

—E xa dimitirían, non? Se iso pasase aquí acababa a monarquía!

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río