Redacción . A Cámara Baixa aprobou a proposta de resolución na que o BNG lle pide ao Goberno central que incorpore o galego e o resto de linguas cooficiais nos órganos xudiciais, na administración de xustiza e nas Cortes. Ademais, reclámalle que inicie conversas co Executivo luso para que Galiza e Portugal poidan recibir o sinal de televisión de ambos os dous territorios.
A resolución relativa ao galego foi unha das catro propostas presentadas polo BNG que se aprobaron no Pleno do Congreso dos Deputados no marco do Debate de Política Xeral. As outras tres fan referencia aos sectores lácteo e naval, ao AVE e á reforma do sistema tributario. O portavoz nacionalista na Cámara Baixa, Francisco Jorquera, fixo un resumo das resolucións e tamén se posicionou sobre as emendas presentadas por outros grupos ás propostas do BNG. Nese sentido, aceptou as transaccionais do grupo socialista á proposta sobre a normalización das linguas cooficiais e tamén unha emenda á cuestión das infraestruturas ferroviarias que non modificaban as demandas dos nacionalistas galegos. Asemade, o grupo socialista tamén aceitou as emendas presentadas polo BNG a dúas das súas propostas.
O BNG votou en contra do novo modelo de financiamento.
Na proposta de resolución número 26, o BNG insta ao Goberno a iniciar negociacións co Goberno portugués para subscribir un acordo, “acompañado dos medios técnicos necesarios, que permita a recepción en Galiza e en Portugal das televisións de ambos os dous países”.
Ademais, pide a incorporación do galego e do resto das linguas cooficiais nos órganos xudiciais e na Administración de xustiza, na Administración Xeral do Estado, sobre todo nos Rexistros, e estudar as reformas regulamentaria que permitan a incorporación destas linguas ás Cortes Xerais. Aquí a emenda do grupo socialista só substituía a denominación de galego, catalán e éuscaro por “linguas oficiais do Estado distintas do castelán”.
Na defensa desta proposta o parlamentar nacionalista lembrou a multitudinaria manifestación do pasado domingo en Santiago en defensa do galego, e acusou aos que “pretenden unha visión uniformista de España de realizar unha campaña de insidias sobre o consenso lingüístico que había na Galiza”. Esta resolución recibiu 196 votos a favor, 151 en contra.
A resolución número 27 atinxe á defensa dos sectores produtivos básicos: o naval e o sector lácteo. Nesta proposta, solicítalle ao Goberno central abrir un proceso negociador no marco da Presidencia española da UE, para que o estaleiro de Fene volva á construción naval civil.
Na cuestión láctea, o BNG asinou conxuntamente co PSOE unha transaccional que empraza ao Executivo a abordar no primeiro semestre de 2010, o Informe do acordo de novembro de 2008 do Chequeo Médico da PAC, “sobre a evolución da situación do mercado do leite e o réxime de cotas lácteas, acompañando de propostas encamiñadas a asegurar a estabilidade e viabilidade futuro do sector e corrixir os desequilibrios”.
A resolución do BNG tamén pide normativas para mellorar a regulación do prezo de referencia do leite. Esta proposta recibiu 347 votos a favor e tan só 1 abstención.
Respecto da resolución número 28 que fala das infraestruturas ferroviarias, Jorquera dixo que “debe haber un compromiso firme co impulso das infraestruturas, cun calendario críbel e compromisos orzamentarios”. O deputado do BNG aceptou unha emenda do grupo socialista que unicamente modifica a data da adaptación da alta velocidade do tramo Ferrol-A Coruña que en lugar do 2012 se aceita que sexa 2013. A resolución recibiu 198 votos a favor, 1 en contra e 149 abstencións.
Os puntos da resolución do AVE
Nesta proposta de resolución, o BNG insta ao Goberno estatal a dotar de todos os medios materiais e económicos precisos para acelerar a execución da conexión coa Meseta “establecendo un calendario fiábel e críbel que garanta o seu remate á maior celeridade”.
En canto ao Eixo Atlántico, pídelle ao Goberno que acelere os trámites en curso e execute as partidas orzamentarias para iniciar as obras no tramo Vigo-fronteira portuguesa e entre Ferrol e A Coruña. “De xeito que a conexión con Porto estea operativa no 2013 e a adaptación á alta velocidade de Ferrrol-A Coruña no 2012”.
Por iso, os nacionalistas reclaman axilización para a execución do proxecto de entrada en Ferrol (Ponte das Cabras-Estación) e que se someta a información pública o estudo do Ferrol-Betanzos, “executando as partidas do presente exercicio”.
O BNG solicita un “calendario fiábel” para garantir a conexión coa rede ferroviaria dos portos exteriores de Ferrol e A Coruña, “executando as partidas consignadas”.
No canto aos tramos Lugo-Ourense e Monforte-Ponferrada, emprázalle a dotalos dos medios económicos precisos para acelerar a súa execución de xeito que o horizonte temporal non sobrepase o 2015.
Por último, neste capítulo, solicítalle ao Goberno iniciar neste ano un proceso de diálogo bilateral coa Comunidade Autónoma galega para o traspaso de medios materiais para o establecemento de servizos ferroviarios de proximidade na Galiza. Do mesmo xeito, pide un proceso de diálogo bilateral para o seguimento da execución orzamentaria das infraestruturas galegas.
Descargar Tarifas