Redacción . A Audiencia vén de condenar a 3 anos de prisión o xeneral Vicente Navarro e a un ano e medio de cárcere o comandante José Ramírez e o capitán Miguel Sáez polas identificacións erróneas de 30 dos 62 cadáveres dos militares españois falecidos no accidente do Yak-42.
As botas e os cascos dos militares falecidos no accidente do Yak-42 quedaron entre os restos do avión.
A sentenza, notificada hoxe pola Sección Primeira da Sala do Penal sen lectura pública, imponlle a Navarro amais dos tres anos de cadea, seis meses de multa. Os seus colaboradores máis próximos foron penados con ano e medio de cárcere.
O tribunal citara os tres procesados, aos que lles comunicou a sentenza media hora antes que á Fiscalía, a Avogacía do Estado e o resto das partes acudidas na causa.
Peticións
O fiscal encargado do caso, Fernando Burgos, pedira cinco anos de prisión para o xeneral Navarro, e catro anos e medio para Ramírez e Sáez. Os familiares das vítimas solicitaran penas de entre tres e seis anos de cárcere.
Os tres militares que integraron o equipo médico enviado polo Ministerio de Defensa para levar cabo a identificación e a repatriación dos cadáveres do accidente aéreo estaban acusados dun delito continuado de falsificación en documento oficial por faltar á verdade cando atribuíron a 30 vítimas do accidente aéreo filiacións que non eran as súas.
O ministerio público pedira ademais para o xeneral Navarro unha multa de 30.000 euros e a inhabilitación especial por un período de cinco anos, mentres que para Ramírez e Sáez reclamara multa de 24.000 euros e inhabilitación de catro anos.
Descargar Tarifas