Redacción . O candidato do PSOE ás eleccións europeas, Juan Fernando López Aguilar, aseguroulles hoxe aos estudantes que o Plan Boloña, que os socialistas defenden, 'non deben temer unha privatización'. Por outra banda, o cabeza de cartel advertiulle ao PP que estes comicios 'non son unhas primarias' das próximas eleccións xerais'.
Juan Fernando López Aguilar.
Nunha rolda de prensa na Coruña, López Aguilar defendeu o Plan Boloña, xa que o Espazo Europeo de Educación será unha "oportunidade" para facilitar a homologación dos títulos e a súa convalidación. Respecto das protestas dos estudantes, asegurou que "non deben temer unha privatización" e subliñou que a "oferta pública está garantida".
"En ningún caso o Goberno socialista vai consentir que esa homoxeneización curricular se converta nun pretexto para a segregación económica", incidiu López Aguilar, quen apelou ao voto dos mozos nestas eleccións "para que outros non decidan a Europa que eles queren".
O PP en Europa
Por outra banda, o candidato socialista afirmou que “non lle preocupa" a estratexia do PP nestas eleccións e engadiu que o PSOE lle fará fronte" sen expor estes comicios como "un desquite ou unhas primarias". “O PP non fala nin un só segundo de Europa e da crise, salvo para explotar o malestar xeral" e salientou que o único partido que está dando "respostas e esperanzas" á cidadanía é o PSOE.
"O 7 de xuño non se decide o Goberno de España, senón o futuro de Europa", remarcou López Aguilar, quen considerou un "desprezo á madurez democrática" da cidadanía española mesturar ambas as cuestións, á vez que acusou os populares de manter nesta campaña electoral "unha visión radicalmente do pasado".
A maiores, apuntou que o ex presidente do Goberno José María Aznar "exerce o mando respecto de quen foron os seus ministros", en alusión ao candidato do PP ao Parlamento europeo, Jaime Mayor Oreja, e cualificou a candidatura dos populares como "unha foto en branco e negro do pasado". "Europa representa o futuro", insistiu López Aguilar, quen considerou estas eleccións "unha ocasión impostergábel para modificar o modelo de crecemento económico" e apostar por políticas sociais e polo investimento en obra pública.
Sector leiteiro e estaleiros
O cabeza de lista do PSOE para as europeas culpou o PP, durante a súa etapa no Goberno de España, dos problemas existentes no sector lácteo, xa que a renegociación da Política Agraria Común (PAC) está "condicionada polo horizonte de negociación que fixou o entón ministro Arias Cañete".
Asegurou que as datas fixadas para esa renegociación supuxeron unha "perda de oportunidade" para o sector lácteo, pero insistiu no "compromiso" do Goberno central e da ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Helena Espinosa, para buscar unha "solución satisfactoria e alentadora" para o sector.
Nos mesmos termos referiuse ao bloqueo da construción civil nos estaleiros, unhas negociacións "lastradas e condicionadas polo Goberno do PP".
Descargar Tarifas