PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
BLOG HELENA DOMÍNGUEZ
Helena
Domínguez
Xornalista
17 de maio en Barcelona
De mani cos Furafollas polas Ramblas
A agrupación teatral Furafollas percorreu as Ramblas de arriba abaixo coas mellores armas das que dispón para defender e apoiar o galego, o humor e o teatro. O pasado domingo 17 de maio os mimos do centro de Barcelona tiveron competencia.
 18.05.2009 | 10:17

Esquerda   1 / 5  Dereita  

Os Furafollas, constituídos nun desfile de homes e mulleres pancarta, partiron do barrio do Raval pasadas as once da mañá. Os veciños pararon nas beirarrúas a miralos, desde as cafetarías asomaron polas portas os clientes. Quen son estes do galego? Clitch, foto. Unha cousa é ver pasar inglesas en despedida de solteira con diademas exóticas, iso xa se ve calquera día, e outra é contemplar unha ruada de galegos con megáfonos. As voces soaban teatralizadas, como de anuncio comercial: “Falo galego”, “Fálame en galego”, “A Catalunya, en català, na Galiza en galego”.

A entrada nas Ramblas produciuse con grande expectación dos turistas, que deixaron de atender os mimos e dirixiron os obxectivos das súas cámaras cara aos Furafollas. O sol brillaba en Barcelona, o centro era un fervedoiro de xente. “Na Galiza en galego”, “Somos galegos, falamos galego”. “Y en Murcia, murciano”, berrou unha muller que ía de ganchete co home. “Diuen que parlen gallec”, comentou entre si unha parella .

O desfile faranduleiro dos Furafollas non deixou indiferente a ninguén e constituíu un divertido e interesante experimento sobre as reaccións de xentes de diversa procedencia á reivindicación pública do galego. Un grupo de mozos con aspecto indio debatía en inglés sobre o significado da manifestación: 

-Catalan?, pregunta un.

-No, Galician from Galicia

-Where’s Galicia?

-In the north-west of Spain

Das catacumbas, nunha mortuoria parada de mimos, emanou unha voz arxentina: “ha, ha, ha, ustedes son españoles, ha, ha, ha”. “En Asturias en bable!”, reaccionou unha muller dun grupo de asturianos. Un taxista, na vía que bordea as Ramblas, minorou o ritmo para facerlles de guía aos seus pasaxeiros: this people say that... E unha furgoneta de instalacións eléctricas, cun rótulo de apelido galaico, pasou tocando a bucina. Clitch foto.

O desfile tamén topou no seu camiño con galegos. Unha parella que estaba a pasar uns días de vacacións na cidade uniuse ao grupo teatral. “Estes seguro que son de Ourense”, dixo outro visitante ocasional que tiña pinta de pertencer a unha excursión. “Vós que sodes, do Bloque?”, preguntou un home alto e gordecho que se veu sorprendido pola manifestación no semáforo da praza Reial:

-Non señor, o galego é de todos

-Bah, vós sodes do Bloque-, dixo mentres marchaba, levantando o brazo con desaprobación

E os megáfonos dos Furafollas non paraban de repetir alegremente “Eu falo galego, I speak galego, Io parlo galego”.

O fráxil edificio do galego

A performance dos Furafollas polas Ramblas prolongouse durante unha hora. De vez en cando, interrompían a marcha para facer unha demostración de  “como se constrúe o edificio da lingua galega”, un fráxil castelo de cartas que tremía, abaneaba, e finalmente derrubábase. “Coidadoo!”, berraba o megáfono principal, “o galego é moi fráxil, unha simple lei pode desestabilizalo. Que cada quen colla a súa responsabilidade!”.

Cando ao mediodía os Furafollas chegaron á altura do Centro Galego levaban consigo un séquito de persoas que os seguían. E xa había case 200 manifestantes máis agardándoos para sumarse ao acto principal do Día das Letras. A de Barcelona non foi unha manifestación social masiva, senón unha minoría suficiente, e creativa.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río