Charina Giráldez . Os medios conservadores prepáranse para o apagamento analóxico do 2010 acaparando licenzas de TDT e Radio nas comunidades amigas
“Que necesidade ten Galicia de contar cunha televisión pública? É que non hai televisións privadas dispostas a reflectir o pluralismo da sociedade galega?”, pregúntalle Pedro J. Ramírez a Alberte Núñez Feixóo na tertulia de La Mañana da COPE, que dirixe Federico Jiménez Losantos. O novo presidente da Xunta evita pronunciarse respecto á privatización da canle autonómica pero o responsábel do xornal El Mundo insiste: “Pódese facer algo moito mellor por Galicia con 200 millóns de euros que estar a competir neste terreo”. O directivo do grupo Unidad Editorial non conseguiu arrincarlle un compromiso claro o mandatario galego, pero si unha declaración de principios sobre a conveniencia de acabar coa titularidade pública do ente: “Trátase dunha discusión procedente e razoábel”, concluíu Feixóo. Os intereses de Pedro J. Ramírez, inmerso nun proxecto de expansión mediática, semellan claros. A privatización das televisións autonómicas, aproveitando gobernos amigos, podería resultar moi beneficiosa para a súa sociedade e para outras de corte conservador, na liña do que sucedeu primeiro durante o Executivo Aznar e, tras a derrota electoral de 2004, nas comunidades rexidas polo PP. A campaña contra Sogecable iniciada pola administración popular, nada máis chegar ao poder central no 1996, tivo a súa continuidade na concesión de licenzas de Televisión Dixital Terrestre (TDT) de ámbito local e autonómico. Madrid, a Comunidade Valenciana e Murcia primaron nos seus respectivos concursos grupos afíns. En agosto de 2005, o Executivo de Esperanza Aguirre repartiu 30 emisoras privadas de TDT local pero o Grupo PRISA quedou fóra. Pola contra, a Igrexa católica obtivo cinco (catro para a COPE e unha para o arcebispado); Antena 3 (grupo Planeta) levou catro, as mesmas que Federico Jiménez Losantos (Libertad Digital); e o empresario José Frade (que fora accionista de Antena 3 e un dos principais investidores de La Razón nos seus inicios) recibiu tres. Ademais, acadaron cadansúa licenza o diario El Mundo e a editorial Homo Virtualis (do grupo Intereconomía). Na Comunidade Valenciana, presidida por Francisco Camps, El Mundo, Intereconomía e Libertad Digital lograron catro cadeas locais e as dúas autonómicas foron para a COPE e o grupo Vocento. Das 44 emisoras concedidas, Localia (do Grupo PRISA) só foi quen de facerse coa dunha demarcación menor, a de Ontinyent-Xátiva. A mesma sorte correu en Murcia, onde Vocento (cunha autonómica) e Jiménez Losantos (coas de Cartagena, Lorca e Murcia) levaron a mellor parte. No eido radiofónico, os grupos conservadores tamén tentan gañar presenza grazas o empurre dos goberno próximos ideoloxicamente. O pasado mes de abril, a comunidade de Madrid adxudicou 21 frecuencias. Losantos e Pedro J. Ramírez, a través de Unidad Liberal, conseguiron a única licenza da capital (99.1). Intereconomía acadou catro (Móstoles, Sevilla La Nueva, Soto del Real e Torres de la Alameda) e a COPE tres (Alcorcón, San Sebastián de los Reyes e Torrejón de Ardoz). Ademais, Radio Marca, Onda Cero e Radio María beneficiáronse do concurso que, unha vez máis, deixou á marxe os medios de Polanco. Pero o reparto, non só lle molestou os que marcharon coas mans baleiras. Tamén creou malestar entre os favorecidos inmersos dende hai tempo nunha guerra mediática por controlar a audiencia máis extremista. Neste conflito, Federico Jiménez Losantos ocupa un lugar destacado. O polémico presentador da cadea episcopal prepara a súa saída da COPE cun proxecto baixo o brazo. Logo dun período de tensas relacións co comité de dirección, que lle propuxo deixar a mañá para facerse cargo dun programa entre as dez e as doce da noite, anuncia o abandono da emisora a finais de agosto. O xornalista bótalle a culpa as presións do PP de Raxoi e o arcebispo de Toledo, Antonio Cañizares, mentres a cúpula prefire escudarse no abandono de medio millón de oíntes como razón fundamental. O que parece evidente é que na decisión da Igrexa pesaron as cinco condenas por inxurias de Losantos e a perda da única licenza radiofónica da capital que Esperanza Aguirre lle concedeu a Unidad Liberal. A nova aventura nas ondas de Losantos e Pedro J. é a continuidade dunha estreita colaboración que se fortaleceu nos últimos anos. Ambos os dous comparten faladoiros, páxinas de xornal e até espazos televisivos (‘La hora de Federico’ emítese en Libertad Digital TV e en Veo 7). Ademais, o ex director de Diario 16 foi o seu compañeiro de viaxe na guerra contra o ABC (Grupo Vocento) por non ser belixerante dabondo con Raxoi e Gallardón, unha batalla que en febreiro de 2008 lle custou o posto o responsábel do xornal José Antonio Zarzalejos. Agora, os dardos do presentador da COPE van dirixidos ao presidente do Grupo Intereconomía, Julio Ariza, un dos seus primeiros socios en Libertad Digital. Losantos non admite que pretenda influír no electorado de dereitas dándolle pulo a candidatura de Albert Rivera (Ciudadanos) e o Partido Social Demócrata (no que milita Eduardo Tamayo), que concorren ás europeas coa plataforma ultracatólica Libertas, en lugar de apoiar a Rosa Díez (UPyD). O xornalista non quere perder o liderado da audiencia máis conservadora e descontenta co PP, pero teno difícil. Até que consolide a súa propia radio, Intereconomía tentará captar os oíntes afeitos ao discurso belixerante de Losantos, un estilo que Julio Ariza xa pon en práctica nas ondas e a través da TDT, sobre todo no seu programa insignia ‘El Gato al agua’ (emítese a través de NET TV e Veo TV). O ex deputado do PP en Catalunya, próximo a Rouco Varela, fíxose na última década cun pequeno emporio que segue aumentando grazas os seus contactos nas comunidades con xestión popular. Entre os medios que controla están o semanario ultracatólico Alba, a revista Época ou a axencia Fax Press de Pilar Cernuda.
Gráfico dos medios da dereita.
1 / 3
Dubidoso reparto
Disposición estratéxica
Estreita colaboración
Os grupos conservadores queren chegar o 2010 cos deberes feitos. Saben que o vindeiro ano o apagamento analóxico vai debuxar un novo panorama mediático onde a Televisión Dixital Terrestre, a Radio e os soportes webs xogarán un papel fundamental. Por iso tentan reunir o maior número de licenzas posíbeis para poder seguir medrando como imperios de comunicación con capacidade de influencia.
Dende hai algúns meses tamén barallan a posibilidade de fusión entre eles, pero polo de agora, as pugnas por facerse coa franxa máis extremada da sociedade prima sobre o entendemento. Nestas loitas, onde se reproducen os enfrontamentos internos do Partido Popular, os pequenos grupos emerxentes (Intereconomía e Libertad Dixital) parecen inmersos nunha guerra sen cuartel por gañar a audiencia de ultradereita.
A certa distancia, Pedro J. Ramírez (con Unidad Edito-rial) tenta aproveitarse do poder de convicción de Federico Losantos para reforzar a súa aposta pola facción popular de Esperanza Aguirre. Semella unha xogada arriscada pero o certo é que, co xornalista da COPE como cabeza de turco, se as esperanzas da presidenta madrileña na cúpula do PP non se cumpren as consecuencias para o director de El Mundo serían mínimas.
Mentres, Planeta e Vocento capean o temporal reducindo canto poden os inimigos no contorno mediático afín e xogando ao despiste nas súas preferencias políticas. Arestora, prefiren centrarse na expansión dos grupos, cunha facturación maior ao resto, e non decantarse por ningún dos políticos conservadores en conflito. Deste xeito, cando chegue o momento, poderán perfilarse sen ataduras como grandes plataformas de comunicación ao servizo da dereita no poder.
Descargar Tarifas