Redacción . Cunha pouca de choiva transcorreu de xeito paralelo o 'Correlingua' nas localidades de Vilagarcia e na Estrada. Nas dúas vilas miles de escolares participaron na carreira lúdico-festiva en defensa do galego.
A choiva fixo o seu acto de presenza en Vilagarcía pero non desanimou os 1.800 escolares de Infantil, Primaria e Secundaria que participaron na carreira a prol do galego. Os rapaces, pertencentes a 20 centros da comarca do Salnés, percorreron o Paseo Marítimo da Praia de Compostela até Carril nunha comitiva na que non faltaron pancartas e lemas reivindicativos en favor do galego e os cánticos. A carreira rematou na Praza de Miguel Hernández, perto do auditorio vilagarcián. Alí o grupo teatral Chevere e o de animación Chámalle Xis, que ambientaron a carreira, fixeron sendas actuacións. O acto principal do 'Correlingua' en Vilagarcía foi a lectura do manifesto e a entrega por parte do Concello dunhas pezas de cerámica da artesá local, Mar Barral, coa reprodución do logotipo do 'Correlingua' a todos os centros. No acto de entrega, ademais da alcaldesa de Vilagarcía, Dores García, estiveron presentes o tenente de alcalde, Xosé Castro, e as concelleiras de Educación e Turismo, Susana Camiño e Rosa Abuín respectivamente. Na Estrada a choiva obrigou os organizadores a localizar os actos do 'Correlingua' nas instalacións da Feira do Moble, que se quedaron xustas para albergar os 3.000 rapaces de 28 centros deste concello e da Comarca do Deza que participaron na carreira en favor do galego no ensino. Sen carreira nin percorrido festivo, os actos contaron coa actuación de Fantoche Baj, que presentou o seu espectáculo 'Zampón o lambón', e a participación de grupos de alumnos das distintas escolas que entoaron cancións e leron textos alusivos á importancia do galego.
Correlingua en Santiago.
A Estrada
A novena edición do 'Correlingua' conclúe mañá na Coruña cunha das citas mais multitudinarias. A Mesa Pola Normalización Lingüística, promotora desta actividade, prevé a participación de máis de 5.000 rapaces de máis de 40 centros da Coruña e as comarcas da Costa da Morte e Bergantiños.
A carreira partirá da Praza de María Pita e concluirá nos Xardíns de Méndez Núñez, onde se fará a festa.
Ademais da Mesa a presente edición do 'Correlingua' conta está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, CIG-Ensino e os concellos da Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo.
Descargar Tarifas