PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Para axudar os estaleiros e o sector leiteiro
O BNG pídelle a Zapatero que 'aproveite' a Presidencia da UE

Redacción .  O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, pediulle ao presidente do Goberno central José Luis Rodríguez Zapatero 'que aproveite a Presidencia da UE para defender o sector lácteo e o naval'. O nacionalista tamén reclamou cambios na política fiscal, máis recursos para o financiamento autonómico e un maior compromiso coa lingua galega.

Reloxo 13.05.2009 | 13:46

O BNG votou en contra do novo modelo de financiamento O BNG votou en contra do novo modelo de financiamento. BNG Despois do discurso de Jorquera, que reclamou melloras para Galiza, interveu o presidente do Executivo español, José Luis Rodríguez Zapatero, que entrou a comentar e a responder a maior parte das demandas e formulacións do BNG. Zapatero agradeceu en primeiro termo o ton construtivo do BNG e amosou a súa coincidencia respecto á avaliación sobre o modelo económico.

Estaleiro de Fene

Na súa intervención do Debate de Política Xeral, que se celebra arestora no Congreso dos Deputados, Jorquera reclamoulle ao presidente do Goberno español que aproveite a súa quenda como presidente da Unión Europea para defender o sector lácteo galego e para que se levante o veto que lle impide ao estaleiro de Fene construír buques civís.

Nesta liña, Zapatero afirmou ter “un compromiso co estaleiro de Fene que tentarei cumprir. O mellor momento é a Presidencia da UE”. Recalcou que “non é fácil pola competitividade do sector” e tivo un recoñecemento cara ao traballo realizado polo BNG neste tema. “Sei da sensibilidade que hai na Galiza con este tema e sei do seu interese permanente. Faremos todos os nosos esforzos”.

Sector leiteiro

No relativo ao sector lácteo, Jorquera instou a Zapatero a promover na UE normativas para mellorar a regulación do prezo do leite. Porén, o socialista non dixo nada en relación a sector lácteo e a Presidencia española da UE e limitouse a recoñecer a situación crítica pola que atravesa o sector. Zapatero remitiuse ao Plano Estratéxico do Sector Lácteo do Ministerio que ten un horizonte até o 2015, “que tivo unha resposta favorábel” por parte das Comunidades Autónomas.

Infraestruturas

Ademais, Jorquera reclamoulle a Zapatero “un compromiso firme co impulso das infraestruturas galegas”. Nese sentido, pediulle “un calendario críbel que vaia acompañado das previsións orzamentarias que o fagan posíbel”. Un compromiso, recalcou, que debe contemplar “non só a conexión por AVE coa Meseta, senón tamén a modernización da nosa rede ferroviaria interior, a potenciación da intermodalidade, do transporte de mercadorías por ferrocarril e a conexión por Portugal”.

No que atinxe ás infraestruturas, o Presidente do Goberno español lembrou os incrementos nos investimentos para Galiza nos últimos catro exercicios orzamentarios, “que foron unha colaboración co BNG”.  Zapatero remitiu toda concreción á próxima comparecencia do Ministro de Fomento no Congreso que “explicará todo o que lle afecta ao AVE, prazos, condicións e financiamento”. Tamén se amosou disposto ao diálogo nesta cuestión.

Máis impostos para os ricos

Jorquera esgrimiu na súa intervención a necesidade de modificar a política fiscal. “Estamos de acordo nunha redución da presión fiscal sobre as rendas máis baixas, os autónomos e as microempresas, pero estas medidas se teñen que acompañar de máis esforzo fiscal sobre os sectores con máis recursos”. O BNG avoga por incrementar a progresividade no conxunto do sistema fiscal e estabelecer un imposto de grandes fortunas.

Neste senso, Zapatero afirmou que “estamos abertos a avaliar a cuestión da progresividade fiscal, temos terreo para o diálogo”. Na réplica, o deputado do BNG lembroulle que onte mesmo “vostede admitiu que a presión fiscal no Estado español está por debaixo da UE” e engadiu que nunha situación de crise, a política fiscal ten que “ser un instrumento para captar recursos”. Sinalou que aquí a carga fiscal se fai sobre todo nas rendas de traballo e iso “se debe compensar con maior presión sobre as rendas máis altas”.

Financiamento autonómico

Jorquera lembroulle a Zapatero que moitas das medidas anunciadas onte afectan a ámbitos competenciais das CC AA “e están condicionadas a que estas comprometan recursos”. Subliñou que son as CC AA as encargadas de xestionar os servizos públicos básicos, “por iso debe dotalas de máis recursos”. Ademais, requiriulle que se teñan en conta factores como a dispersión e o envellecemento da poboación, así como “avanzar cara a plena autonomía e responsabilización fiscal”. Aquí Zapatero xustificouse en base a que trata de “facer propostas concertadas”, convidando as CC AA “a compartir esas propostas”.

No que atinxe ao financiamento, Zapatero díxolle que “estamos na recta final para chegar a un acordo sobre o financiamento”, pero, alegou o atraso no feito de que “chegar a un acordo no contexto de crise é como subir o tour, hai que intentar que suba todo o grupo”. Recordou o indicado onte, que se compromete a convocar o Consello de Política Fiscal antes do 15 de xuño.

Contra a fusión das caixas

O portavoz nacionalista considerou imprescindíbel a reforma do sistema financeiro “para evitar o estrangulamento do capital produtivo pola ausencia de liquidez debido ás restricións do crédito practicadas polos bancos”. Nesta cuestión, solicitou que se operativice o ICO como unha grande banca pública ou nacionalizar parcialmente o sector financeiro”.

Advertiu que a reestruturación das Caixas de Aforros se ten que facer desde o respecto ás competencias autonómicas. “Estamos radicalmente en contra dunha política de fusións que supoña a deslocalización dos centros de decisión das caixas galegas e que acentúe o perigo de expatriación dos nosos aforros”.

Na resposta, o Presidente do Goberno escudouse no feito de que “unha banca pública tamén comporta grandes responsabilidades”. Nesta cuestión, Zapatero decantouse pola fórmula actual, “un modelo para compartir os riscos, concertado coa banca privada”. Ademais, o xefe do Executivo respondeu que “o obxectivo non é a reestruturación, é salvar o que se poida das caixas, non hai ningún intento de fusionar, senón de salvar ao sector”.

Jorquera: 'A crise non a deben pagar os traballadores'
Jorquera fixo un especial aparte adicado á situación da economía. Lembrou que a economía española ten unha alta dependencia das actividades especulativas e que apostou por un modelo de crecemento baseado no fomento do consumo. Un modelo, puntualizou, que non foi acompañado do medre do poder adquisitivo dos traballadores, “o que fomentou o endebedamento até límites insostíbeis”.

“Estas son as causas reais da crise, que non ten a súa orixe nos elevados custes salariais ou na inflexibilidade do mercado laboral”. Por iso, as alternativas á crise non poden descansar nos dogmas “do modelo fracasado”: máis desregulación, privatización do servizos públicos, retrocesos nos dereitos laborais e sociais. “E moito menos aplicar as receitas da contención do gasto público ou a rebaixa indiscriminada de impostos”.

O parlamentar do BNG puxo enriba da mesa outras alternativas. Demandou unha maior mobilización dos recursos públicos para reactivar a economía e cambiar o modelo de crecemento e protexer os sectores máis castigados pola crise.

Sobre a necesidade de estabelecer unha economía máis produtiva, Zapatero asegurou que “comparto que os traballadores non son os causantes e non deben sufrir as consecuencias”.
Maior compromiso coa lingua

O deputado do BNG amosou a disposición do BNG a avanzar no terreo dos dereitos cívicos e sociais. Porén, sinalou que o pluralismo lingüístico tamén forma parte dos dereitos constitucionais. Afirmou que “a ofensiva dos defensores dunha España uniforme e excluínte, que nos presentan a realidade invertida dun castelán en perigo e obxecto de persecución, ten percorrido porque o Estado español non asume realmente a súa pluralidade. Non asume que o galego, o catalán e o vasco son linguas con estatus oficial”.

Jorquera sinalou que “non estamos só ante unha cuestión de opcións individuais que hai que respectar, estamos tamén ante unha cuestión de recoñecemento de dereitos colectivos, de fomento e promoción das linguas propias”.

O nacionalista explicoulle a Zapatero que nesa dirección “hai moitas cousas por facer”. Por exemplo, facilitar o uso do galego nos distintos ámbitos da Administración e institucións do Estado, facer posíbel o múltiplex que facilite a recepción mutua de canais galegos e portugueses.

O deputado do BNG lembrou ao Presidente do Goberno que o vindeiro domingo será o Día das Letras, e precisamente pediulle un maior compromiso coa lingua. Para iso, aludiu á figura do poeta Celso Emilio Ferreiro e ao seu poema “deitado fronte ao mar”.

Réplica de Zapatero

No tema lingüístico, Zapatero respondeu coa súa “firme defensa da Constitución e das linguas cooficiais”. Salientou a importancia das linguas, en alusión concreta ao galego, como valor cultural, de identidade e valor económico.

Afirmou “tomar nota do caso que explicou sobre a Capitanía Marítima de Burela, que descoñecía pero do me vou informar”. Tamén se apuntou a necesidade dos múltiplex para a recepción mutua de canais galegos e portugueses”.

Lamentou que “para algúns este tema sexa terreo de disputa política”. Afirmou a necesidade de preservar as linguas existentes no Estado porque “é positivo para o pais e súa cultura”.

Jorquera replicoulle que ademais de expresar “o seu respecto ao galego, hai que dar pasos para efectivizar a normalización lingüística. Tamén nesta Cámara, empece por aquí”.

O BNG pide políticas de esquerdas, compromiso con Galiza e respecto ao pluralismo
Jorquera na réplica á resposta do Presidente, díxolle que o BNG “sempre terá unha actitude construtiva e disposición ao diálogo pero non confunda a predisposición ao diálogo co apoio incondicional. Temos dispor e, para chegar a acordos co BNG se teñen que cumprir tres premisas: políticas de esquerdas para facer fronte á crise, compromisos firmes con Galiza e respecto ao pluralismo do Estado”.

Na dúplica, Zapatero reiterou “a vontade de traballo e diálogo co BNG” e aclarou que non supuña un reclamo de apoio.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río