A promesa do cambio de modelo produtivo ten a súa base na adecuada preparación das xeracións futuras. O cóctel de turismo e ladrillo, aderezado por persoas con escasa formación e difícil recolocación fíxonos crer a mentira da nosa “economía de Champions League”, do endebedamento infinito para vivir por riba das nosas posibilidades, e incluso que os porcos podían voar.
Esquecemos o pasado de esforzo e aforro dos nosos avós e país emigrados para achegarnos á sociedade do benestar, mutada por nós mesmos na sociedade do consumismo compulsivo e o “fácil”, onde os campus universitarios están cheos de automóbiles e baleiros de espírito de superación e aprendizaxe.
Porén, os porcos non voan, e agora recordaremos que do porco se aproveita todo, para sobrevivir ao paro e a falta de competitividade, xa que segundo a UE España será a última en saír da crise. Namentres, o Estado se endebeda (e o Estado somos nós) “humanizando” beirarrúas, e agora comprométese tamén a dotar con ferramentas tecnoloxicas aos nosos nenos na procura de El Dorado: a economía do coñecemento.
E como serán esas ferramentas? Polo que parece, no relativo aos portátiles a entregar aos alumnos, serán as comunidades autónomas as que decidan.
En Galicia, no pasado tivemos que aturar a vergoña dos encerados dixitais e as declaracións da excelencia do noso modelo educativo, coa realidade dos nativos dixitais no fogar mudados en inmigrantes analóxicos na escola.
A utilización de software libre na educación en Galicia foi unha promesa incumprida, por incapacidade e por ignorancia. Agora, de novo hai que decidir, e unha primeira escolla ben podería ser o software que utilizarán eses portátiles: libre ou privativo.
A opción da dualidade, ou ese “si e non” tan galego, non vale. Pasarlles a pelota aos técnicos tampouco. A decisión de como serán as ferramentas dos alumnos de primaria non pode ser neutra ou puramente técnica, senón política, porque marcará o noso futuro.
Non hai neutralidade nin escusas posíbeis ante a liberdade. E diso estamos a falar: basear a educación dos nosos fillos no produto dun modelo de colaboración aberta de persoas de todas as razas e relixións, do liderado resultado do traballo e do mérito, na cultura da axuda e da compartición... Ou confiala ao capitalismo salvaxe, a obsesión pola acumulación de riqueza, dun monopolio condenado unha e outra vez polas súas prácticas contrarias á innovación e a libre competencia.
O software libre non é só software senón un espello ao que mirarse para construír unha sociedade mellor, máis aberta, participativa e sostíbel, baseada no coñecemento e a colaboración. En certa maneira, é unha posibilidade para comezar de novo, e a vida raramente ofrece segundas oportunidades...
E se non, tamén podemos mirar para outro lado, comprar pasaxes en business class para uns cantos porcos e seguir pensando que realmente poden voar.
Descargar Tarifas