
Un día estaba eu moi maliño de acetona. Estaba detrás da cociña e entrou un corvo pola ventá. Asusteime e a miña nai, que estaba a facer un caldo, colleu o garfelo de remexer e matou o corvo. Ese mesmo día, pola tarde, púxenme moitísimo peor e marchei para o hospital de Lugo. Os médicos dixéronme que estivera a nadiña da morte. (Christian, 11 anos)
Cando meu pai era novo, unha noite que viña dunha festa e xa estaba chegando, viu unha luz vermella enriba da súa casa. Naquel momento quedou paralizado, non podía andar. Conseguiu subir a un pico dun valado e desde alí viu pasar un enterro. Era o enterro da súa tía, que estaba viva, e viu os acompañantes, o cadaleito e todo. Ao día seguinte a tía morreu. (Maikel)
Un veciño meu contoume que un home estaba moi enfermo. Viuse unha luz que baixaba do ceo e naquel mesmo momento o home morreu. A raia de luz volveu ao ceo e cada vez facíase máis pequena.(Hugo)
Miña avoa aos tres días de dar a luz a unha irmá do meu pai viu unha luz vermella no ceo e cada vez acercábase máis. De repente a neniña comezou a chorar e aos dous minutos morreu. (Susana, Regueira, contoullo a súa avoa)
Un bispo tiña un anel e tirábao por unhas terras e por onde pasaba o anel era del e así facíase con todo. Ata un día que un home lle cortou a cabeza e tirouna a un pozo. (Cristian Rodríguez Luaces. Contoullo Manuel Rodríguez Pérez, de 43 anos. Engade “Esta lenda ocorreu en Abadín”)
Meus avós dixéronme que na nosa familia, antes de morrer alguén, canta un corvo moi forte, enriba dun carballo, e ao día seguinte morre o propietario do carballo. (María, contoullo o seu avó).
Hai unha señora que se chama Aurora e vive nun lugar da Hermida, Reigosa. Aurora soña con tres mulleres moi altas vestidas de branco lavando nun trapo amarelo, azul e vermello, Esto sóñao cando alguén vai morrer. Aurora é a miña avoa e a última vez que o soñou morreu o meu bisavó. (Christian)
En Reigosa, cando alguén ía pola estrada e nun prado caían luces, dicían que era que ía morrer o dono do prado. (Vanesa Castelo)
Unha vez un home ía nun cabalo vendendo xamóns e o cabalo colleu medo porque se lle pousou un paxaro por diante. Entón o cabalo púxose a roer no home e este tivo que darlle os xamóns. (Vanesa, contoullo a súa avoa Carmen)
Un día unha nai mandou á súa nena cunha sella buscar auga a un pozo. Alí onda o pozo había unha ra. A nena pisou a ra e ao pisala partiulle unha perna. Daquela a ra era unha ra encantada e como lle partiu a perna, a nena quedou coxa para toda a súa vida. (María do Carme, 42 Anos, Ardulfe. Recolleuno Andrea Campo Fernández)
Continuaremos outro día.
Descargar Tarifas