Manuel Vilas . O Foro Español da Familia, entidade próxima ao Opus Dei, gañou unha das primeiras votacións desta lexislatura no Parlamento. Fíxoo cunha Iniciativa Lexislativa Parlamentaria (ILP) que busca evitar que as mozas aborten. Grazas aos votos da maioría do PP, e ao aval de 24.000 sinaturas, o texto, presentado a través da asociación 'Red Madre', será discutido na Cámara.
Coloma Viúdez Lomba, unha das promotoras de 'Red Madre', reclamou no Hórreo máis apoio público para as embarazadas poidan facer “unha aposta radical pola vida”. Viúdez denunciou a “situación de inxustiza ante un embarazo imprevisto”. “A nosa sociedade non está ofrecendo alternativas serias, consistentes e ben articuladas para que as mulleres poidan elixir sobre a súa maternidade”, argumentou a antiabortista. Axuda para adolescentes e emigrantes A ILP propón unha rede pública de información sobre as axudas das que dispoñen as embarazadas co fin de evitar que decidan abortar. Emigrantes e adolescentes son os grupos que, en opinión de Viúdez, están máis en risco. Baseándose neste argumento, cualificou o texto de “progresista”. O certo é que detrás da recollida das firmas están asociacións antiabortistas cristiás. “Como se pode comprobar na propia páxina web desta 'Red Madre', a iniciativa está impulsada polo Foro Español da Familia, que se ten pronunciado en contra da pílula post-coital pois cre que se trata dun aborto, que está en contra dos anticonceptivos”, denunciou a deputada Ana Pontón, do BNG. Irmá de Manuel Fraga Tanto nacionalistas como socialistas votaron en contra de tomar en consideración o texto. A deputada do PSdeG, Laura Seara, desvelou que na recollida de firmas participaron a “Asociación Católica de Propagandistas, Concapa, Asociación Española de Organizacións Provida e Envangelio Vitae”. Esta última “presidida” por Margarita Fraga Iribarne, irmá do ex-presidente da Xunta, coñecida pola súa oposición á 'pílula do día despois'. A oposición cualificou a iniciativa de “ultraconservadora” e de agochar, baixo a máscara de máis axudas ás mozas, unha limitación do dereito a decidir libremente sobre o embarazo. Laura Seara e Ana Pontón advertiron que a iniciativa podería mesmo vulnerar os dereitos humanos referidos a liberdade sexual. Tamén indicaron quera contrario ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde. O PP cre que defende a liberdade O PP impulsou que se discuta a ILP, que levaba parada dous anos. Os conservadores argumentan que non se tentan limitar dereitos; mesmo que o texto non fala sobre o aborto, senón sobre a maternidade. “Esta iniciativa anima á liberdade, a liberdade a seguir co embarazo as mulleres con dificultades”, argumentou a deputada Paula Prado. Con todo, é probábel que o texto sexa modificado pola maioría do PP na tramitación parlamentaria. “A iniciativa non se debe limitar só aos embarazos imprevistos ou á falta de apoios afectivos ou materiais”, adiantou a parlamentaria conservadora.
Cartel da campaña estatal de 'Red Madre', apoiado polo Foro da Familia
1 / 3
“Hoxe non viñemos falar do aborto”, argumentou a parlamentaria do PP para xustificar o seu apoio a ILP. Paula Prado insiste en que o texto, que pode converterse en lei, “está orientado que a maternidade non estea só ao alcance das persoas con recursos”.
Para o Bloque estes argumentos acochan unha “profunda carga ideolóxica”. Así, Ana Pontón acusou a 'Red Madre' de defender argumentos en contra da liberdade das mulleres.
O certo é que a ILP que se tramitira inclúe argumentos típicos dos movementos antiabortistas cristiás. “Cada ano medra en España as mortes por aborto” e “o aborto é a primeira causa de defunción no país” son algúns dos puntos máis polémicos do texto.
Moi crítica co ideoloxía da ILP tamén foi Laura Seara. A socialista indicou que “hai unha axenda oculta e uns intereses moi calculados neste texto máis alá dos seus artigos”. Ademais, lembrou que nas cortes do Estado estase a tramitar unha reforma da lexislación xusto no sentido contrario, pois probablemente se exclúa o aborto entre os delitos que persegue o Código Penal.
Seara tamén criticou que a ILP solicite que a Xunta conceda cartos a entidades que ofrezan "asesoramento" ás embarazadas. Asesormanto que ofrece xa a propia 'Red de Madres', que cualifica de "éxito" que no 75% dos casos non se siga co aborto.
Descargar Tarifas