Europa Press . Case medio millón de galegos afronta a situación de crise baixo o limiar da pobreza, isto é, ingresando menos da metade da renda media en España, e 100.000 perciben menos do 25 por cento, o que os coloca nunha situación de pobreza severa.
Así o explicou hoxe a directora de Cáritas Santiago, Amelia Pereira, quen apuntou ademais que no caso de Compostela, son 25.000 as persoas que viven no limiar da pobreza e 4.500 en situación severa. Con estas cifras, case o 18 por cento dos galegos afrontan a actual situación de crise con ingresos inferiores á metade da media, mentres que en Santiago, unha cuarta parte da poboación está nesta situación. Ademais, no relativo á pobreza severa, en risco de entrar en situacións de exclusión, afecta a máis do 3 por cento dos galegos e a máis do 4 por cento dos composteláns, algo que, segundo explicou o responsábel de Emprego e Inmigración de Cáritas, Miguel Fernández, aumentou nos últimos tempos por mor da crise. "É un problema tremendamente angustioso", explicou Amelia Pereira, quen informou de que "día a día" as persoas que piden axudas en Cáritas "van aumentando". "Piden para todo, para pagar o piso, para que non lle corten a auga ou a luz, e por suposto para comer", sinalou. Neste sentido, esta institución atendeu en Santiago durante 2008 máis de 600 novas persoas, e conseguiu nese exercicio un total de 350 ofertas de emprego directas para loitar contra as situacións de pobreza.
O 3% dos galegos están en situación de pobreza severa
Miguel Fernández lembrou que en Santiago están actualmente en paro unhas 6.500 persoas, o que supón "dúas mil persoas máis que o ano pasado". "Santiago sempre se mantivo sobre os 5.000 parados, era unha cifra case fixa, pero o ano pasado repuntou", sentenciou.
En Galicia, subliñou, a cifra de parados excede as 165.000 persoas, das que máis de 35.000 non reciben ningún tipo de ingreso ou prestación. Na comarca compostelá, a cifra de parados sitúase en 17.000 persoas, unha realidade "cada vez máis preocupante".
Neste sentido, alertou do risco crecente de exclusión social de persoas en situación crítica. "Ás veces fálase con lixeireza da exclusión social", criticou Fernández, quen asegurou que se teñen que dar condicións como a perda de ingresos, o risco de perder a vivenda, a entrada en dinámicas de dependencia e problemas complementarios durante períodos prolongados para chegar a esta situación, "da que despois é complicado saír".
Para concienciar á poboación e facer unha reflexión colectiva, Cáritas Santiago convocou para mañá ás 19.00 horas, na compostelá Praza do Toural, a XVI Xornada de Solidariedade cos Parados que se celebrará baixo o lema 'A solidariedade como única saída fronte á crise'.
No marco desta xornada, Cáritas presentará o documento 'Alternativas e propostas contra o desemprego xerador de exclusión social nun contexto de grave crise económica', no que recolle indicacións concretas dirixidas a entidades sociais e Administración pública para afrontar a situación económica actual.
Entre as indicacións propostas por Cáritas está a ampliación do período de prestación por desemprego até os seis meses por ano traballado e até un máximo de 36 meses, así como complementos que garantan os ingresos medios suficientes para as familias e a extensión da Renda de Inserción de Galicia a "todos os casos nos que sexa necesario".
Ademais, solicitan pór en marcha políticas que xeren emprego e nas que se garanta o "acceso prioritario" a estes postos das persoas en "especial situación de vulnerabilidade", así como mellorar e especializar os Servizos Públicos de Emprego, vincular as accións formativas á creación de emprego e que as subvencións e bonificacións que se concedan ás empresas estean unidas á creación de postos de traballo estábeis.
Na mesma liña, pediron o aumento do orzamento das actuacións de promoción pública no desenvolvemento de proxectos baseados en iniciativas de autoemprego, cooperativas e empresas de inserción e o "desenvolvemento efectivo" da Lei de Dependencia no canto a prestacións e no relativo á posibilidade de xerar postos de traballo.
Entre as reivindicacións de Cáritas está ademais o incremento orzamentario para este e o próximo ano do II Plan de Inclusión de Galicia; a reforma e mellora do decreto que regula ás Empresas de Inserción galegas; a reforma da Lei de Medidas Básicas de Inclusión Social de Galicia; e o aumento até o 1 por cento do actual 0,7 por cento de fondos destinados da declaración da renda para fins de interese social, entre outras cuestións.
No ámbito social, reclama unha maior "coordinación" entre as entidades que traballan neste sector da poboación para "aproveitar" mellor as situacións, recursos e oportunidades de emprego.
Así mesmo, propón promover de xeito conxunto actuacións comúns nos ámbitos relacionados co acceso ao emprego, a formación ou a creación de postos para persoas en situación de especial vulnerabilidade.
Descargar Tarifas