Europa Press . Produtores lácteos e profesionais vinculados de xeito indirecto a este sector demandarán hoxe ‘solucións inmediatas de choque’ á crise que afecta a este ámbito de produción nas concentracións programadas en 14 comarcas galegas, onde a actividade das explotacións leiteiras ten maior peso.
As protestas, convocadas por Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores, Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), pretende lograr que as administracións garantan un prezo que cubra os custos de produción dun litro de leite e o traballo dos gandeiros, así como medidas que freen as prácticas de dumping e a "inundación" de materia prima foránea. O obxectivo das organizacións é que os gandeiros teñan garantida a recollida da súa materia prima e que a poidan vender a prezo de mercado. De igual xeito, demandan que as Administracións reforcen o control e a inspección das importacións e obriguen á distribución -á que acusan de realizar prácticas de dumping, ao vender leite de marca branca a moi baixo prezo- a "xogar coas mesmas regras que se esixen nos seus países de orixe". As organizacións ameazaron aos gobernos central e galego con endurecer as súas protestas se non se atenden as súas reivindicacións e lembráronlle á ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM), Helena Espinosa, que xa transcorreron os 15 días de prazo comprometidos polo Ministerio para articular solucións desde a manifestación celebrada en Madrid o mes pasado. As tres forzas con representación no Parlamento galego -PPdeG, PSdeG e BNG-, profesionais indirectamente dependentes do sector lácteo -veterinarios ou enxeñeiros agrónomos-, comerciantes, empresarios, sindicatos -UGT, CIG e CC OO- e diversos concellos da comunidade trasladaron a súa solidariedade cos produtores lácteos nas últimas semanas e confirmaron a súa presenza nas concentracións comarcais. Catorce concentracións As protestas celebraranse nas cabeceiras das comarcas produtoras de leite da comunidade. En Lugo, están previstos actos en Ribadeo (A Mariña), Meira (Meira), Vilalba (Terra Chá), Sarria (Sarria-Lemos), Chantada (Chantada) e Palas de Rei (A Ulloa). Así mesmo, realizaranse concentracións na provincia da Coruña e, en concreto, en Arzúa (Arzúa), Betanzos (Betanzos), Melide (Terra de Melide), Ordes (Ordes), Santa Comba (Xallas) e Vimianzo (Terra de Soneira), mentres que en Pontevedra, os actos centraranse na Estrada (Tabeirós-Terra de Montes) e Lalín (Deza). Os secretarios xerais das tres organizacións agrarias participarán na protesta que se celebrará en Ordes.
Protesta dos gandeiros en Madrid polo prezo do leite.
Descargar Tarifas