Redacción . Membros e simpatizantes da oposición de dereita foron acusados pola Fiscalía de Bolivia de financiar un grupo de terroristas que supostamente planeaba asasinar o presidente Evo Morales.
Evo Morales, presidente de Bolivia.
Segundo vén de revelar o fiscal Marcelo Soza, o Ministerio Público emitiu onte citacións contra o empresario de orixe croata e antigo líder do Comité Pro Santa Cruz Branco Marinkovic, o prefecto desta rexión, Rubén Costas, ou o ex ministro conservador Guido Nayar.
En rolda de prensa, o fiscal apuntou que Marinkovic entregou 200.000 dólares para a compra de armas. Segundo a declaración dun traficante paraguaio, este diñeiro, dado a un grupo de arxentinos, terminou en mans da célula de mercenarios estranxeiros recrutada polo boliviano-croata Eduardo Rózsa Flores, presunto líder dunha rede desarticulada a mediados de abril pola forzas de seguridade.
O fiscal apóiase na declaración doutra testemuña, que vinculou a Marinkovic co grupo armado. O empresario prometeríalle á testemuña unha casa e un terreo en Santa Cruz en caso de prosperar as intencións armadas, nun acordo do que tamén estaría ao tanto o prefecto rexional.
Soza explicou que este grupo reunía perto de 20 persoas en encontros clandestinos para recadar diñeiro. Por este motivo, a trama de recadación esténdese con máis dunha decena de nomes relatados e que deberán aclarar ante a xustiza a súa relación coa célula.
Descargar Tarifas