PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
BLOG XOSE LOIS GARCIA
Xosé Lois
García
Escritor
Paulino Dias, o poeta de Goa
Goa foi durante moito tempo a capital na India do Imperio Colonial portugués. Da presenza da Lusofonía naquel enclave xorde a arte literaria de Dias: hinduísmo integrado na literatura portuguesa.
 04.05.2009 | 13:20

Paulino Dias Paulino Dias

Aquel enclave insular da India, Goa, que os portugueses conquistaron en 1510, coa flota de Afonso de Albuquerque. E o gobernador Nuno da Cunha a converteu en capital política e administrativa do reino de Portugal na India en 1530. Goa tornouse nun poderoso foco político, económico, cultural e relixioso co que o dominio colonial portugués instrumentalizou a súa acción en todo o Oriente.

En Goa personalizouse a cultura portuguesa por medio do Colexio de São Paulo, que foi a primeira universidade de Oriente, cuxa expresión cultural e pedagóxica deulle a este territorio un enorme pulo intelectual que en varias ocasións rivalizou con Lisboa. E isto perdurou até 1961, data en que a India a integrou pola forza ao seu territorio.

Desa vella tradición cultural e literaria atopamos o nativo Paulino Dias (1874-1919), que introduciu na poesía portuguesa as tendencias brahmánicas e budistas do pensamento hindú. Cultor dunha poesía metafísica, estruturada nun estilo propio de manifestas suxestións e estímulos. Nesta dirección, Dias creou un código orixinal e austero, buscando a beleza e a transcendencia emocional da filosofía orientalista integrada á literatura portuguesa. Fíxose así o gran milagre poético deste médico e intelectual goés.

No País de Súria, o seu libro poético e no que se recollen varias entregas e rexistros, que se mantivo inédito até 1935 e publicado por Tip.-Bragança & C.a de Goa, suxire contemplar a filosofía budista no longo poema “Nirvana”. Aquí está o celme  hinduísta transbordado á lingua e literatura portuguesa.
Dias, tan admirado en Goa como descoñecido en Portugal e en boa parte da Lusofonía. Na altura en que se publicou No País de Súria, un xornal de Goa manifestaba: “Nem a India portuguesa –nela nasceu, viveu e morreu- conhecia suficientemente a Paulino Dias, nem a metrópole, com mais forte ração. No entanto, ele foi um grande poeta, que só agora, graças a alguns amigos firmes, de Santa Cruz, o público pode avaliar. Conseguiran eles reunir en volume varias composições dispersas”.

Nesta miscelánea poética de Paulino Dias conviven os seguintes títulos: Indra (poema dramático), Le Roi des Eléphants, O Crime, A morte de Raugi, Gandicá, Basmaçura, Verba Sacra, Nirvana e Avant-Propos. Todo unha obra que a poesía portuguesa non debe ignorar e pode incorporar a este enorme poeta á inmensa diversidade do que goza a literatura portuguesa producida alén de Portugal, nas súas antigas colonias.

Dias foi o poeta xenuíno que encheu de contido hinduísta, en varios dos seus parámetros de pensamento, a poesía en lingua portuguesa. Por isto ocupa un lugar propio e de alto apousento, por ser un precursor desta tendencia e un creador insubstituíbel no universo lusófono.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río