PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
'Memoria embazada', de Eduardo Estévez
Memoria embazada

María Xesús Nogueira Un dos pioneiros da publicación en liña de poesía presenta agora un libro artesanal e moi coidado.

Reloxo 29.04.2009 | 20:43

Eduardo Estévez Eduardo Estévez

Os veos da paisaxe

Autor:  Eduardo Estévez.

Edita: Colección Bourel, 2009.

Cumpriría escribir algún día, coa debida distancia, a historia editorial da poesía galega das últimas décadas e iluminar unha serie de iniciativas situadas nas marxes do mercado e das canles habituais de distribución. Malia o interese dalgúns produtos desta natureza, e mesmo a súa incidencia na evolución poética dun período, a maior parte deles non conseguen ultrapasar reducidos círculos e convértense, transcorridos apenas uns anos, en verdadeiras pezas de coleccionista de difícil localización para quen le e tamén para quen se achega ao estudo da materia.

Os libros da Colección Bourel, elaborados artesanalmente por Antonio Piñeiro cunha tiraxe limitada e única de oitenta exemplares numerados, ilustran perfectamente o tipo de publicacións ás que me estou a referir e constitúen un fenómeno singular nuns tempos nos que se agardan transformacións profundas na edición e mesmo se cuestiona o futuro do libro en formato tradicional.

Na mencionada colección ve a luz o libro Os veos da paisaxe, de Eduardo Estévez. Quen noutrora fora pioneiro na publicación de poesía na rede (velaí Lúa gris ou o finalmente polémico En construción), escolle agora un coidadísimo formato artesanal ilustrado cunha serie de fotografías que singulariza cada un dos exemplares, converténdoo nun produto de luxo raro nos nosos días.

O libro de Eduardo Estévez presenta unha particular mirada sobre a paisaxe levemente embazada polos veos da chuvia, a néboa ou a memoria: “son tempos de ollar a chuvia / a través dos cristais / embazada memoria”. Ao longo dos diferentes momentos do día, a mirada do poeta detense nunha paisaxe estática que permite percibir os ritmos dun tempo lento, apenas alterado polas rutinas cotiáns, e nunhas figuras sumidas as máis das veces na soidade ou no ensimesmamento: pescadores “de ollar detido no horizonte”, Elena “atada nos espellos”.

Por veces, a paisaxe está marcada pola decadencia, o abandono e a morte: “follas secas”, “paredes valorentas”, sombras e rúas baleiras que conforman unha terra durmida de sutís reminiscencias urbanolugrisianas (“hai un país de catedrais”). A presenza humana consegue noutros casos infundir vida á paisaxe e devolverlle a nitidez da mirada: “fumegan os pratos / falan as mulleres na praza / por un momento / a paisaxe non ten veos”.

Coa sinxeleza retórica que vén practicando o escritor, Os veos da paisaxe propón un percorrido un tanto nostálxico polos “recantos desta terra prometida” onde, ao tempo que se  procuran ángulos singulares desde onde encadrar o transcorrer lento do tempo, a ruína ou as siluetas das figuras humanas que a habitan, testemúñase a despoboación, a soidade e o abandono dunha “terra branca de séculos e cinza”.

A mirada poética de Eduardo Estévez compleméntase cun traballo de Antonio Piñeiro que abre Os veos da paisaxe a unha segunda lectura: a do diálogo do poema coa fotografía. Neste caso, e para luxo de quen teña entre as mans un exemplar, fai dela unha experiencia persoal e única ante a imposibilidade da lectura total, a do conxunto de exemplares, lembremos, individualizados con cadansúa serie fotográfica.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río