Redacción . Malia as alegacións do PP, a capital do Lérez acollerá un dos primeiros pasos cara o voto electrónico. Nos comicios europeos, as papeletas incorporarán un código de barras que axilizará o reconto.
Reconto de voto con portatil nunha experiencia piloto en Toledo
O Ministerio do Interior xa publicou no BOE unha orde que modifica o modelo de papeleta electoral de cara ás eleccións ao Parlamento Europeo. Deste xeito, as persoas que voten nalgunhas mesas das circunscricións provinciais de Pontevedra, Lleida e Salamanca, votarán con papeletas que incluirán un código de barras para facilitar o escrutinio.
Segundo indicara hai dúas semanas a Delegación do Goberno a ANT Diario, o reconto en 103 mesas da cidade de Pontevedra será electrónico.
Dúbidas do PP
Agora a orde do BOE confirma a decisión tomada pola Xunta Electoral Central, malia as alegacións do PP. Os conservadores alertaban de problemas coas papeletas, pois temían que moitas persoas entreguen candidaturas sen códigos de barras, malia que os envíos por correos e as papeletas nos colexios deberán incluír os boletos co código..
O BOE indica que se debe garantir o número suficiente de papeletas para cada candidatura. Ademais, as mesas electorais estarán dotadas do material informático necesario para facilitar a lectura óptica dos sufraxios á hora do escrutinio. De feito, as mesas poderán mesmo fabricar máis papeletas no caso de que se esgoten.
Reutilizábel para outros comicios
Os códigos de barras estarán impresos na zona superior da papeleta, debaixo do nome da candidatura, e contará cun número de identificación do proceso electoral e outro da formación política. O sistema é reutilizable para futuros comicios, que terán cadanseu código identificador.
Descargar Tarifas