Europa Press . As rúas de Vigo acumulan máis de 700 toneladas de residuos no terceiro día de folga que manteñen os traballadores de FCC, a empresa concesionaria da limpeza e recollida de lixo no municipio.
Segundo explicou hoxe o presidente do comité de empresa, Rufino Santalices, despois do breve encontro de onte entre traballadores e patronal, que fracasou aos 20 minutos, non houbo novos contactos, polo que o paro indefinido continúa. Os puntos onde máis se percibe a ausencia de recollida de residuos son as zonas rurais, que levan tres noites acumulando desperdicios. Nas rúas do centro si deu tempo a realizar algo de recollida na primeira noite, posto que o paro comezou ás 6.00 horas do luns, polo que a afección é algo menor. En canto á xornada de folga de hoxe, os traballadores celebrarán, como cada día, asembleas nas que decidirán as accións a desenvolver ao longo do día de hoxe. Segundo explicou Santalices, nas mobilizacións "inténtase molestar o menos posíbel" aos cidadáns, ao tempo que garantiu que os servizos mínimos -limpeza de colexios, centros sanitarios e de maiores e mercados- seguiranse cumprindo ao "100 por cento". Os traballadores denuncian que a empresa realizou unha oferta salarial que suporía unha rebaixa de entre o 7 e o 10 por cento e tamén protestan contra o incumprimento do convenio en materia de xornada. En total, o equipo de FCC en Vigo está formada por uns 370 efectivos e o seu salario base rolda os 1.000 euros.
Lixo acumulado nunha rúa de Vigo.
Descargar Tarifas