Europa Press . O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, defendeu a existencia dun bilingüismo 'amábel e cordial' e asegurou que os candidatos poderán realizar as próximas oposicións en castelán. 'Se é tipo test poderán elixir as preguntas en galego ou castelán', engadiu, para indicar que as dúas linguas se falan con 'amabilidade e cordialidade' en Galiza.
Alberte Núñez Feixóo, presidente da Xunta.
Feixóo tamén se referiu, en declaracións a Antena3 recollidas por Europa Press, á súa promesa electoral baseada en potenciar a rede de garderías gratuítas de 0 a 3 anos e asegurou que "intentará cumprila ao máximo" porque Galiza ten un "problema demográfico" e a familia, dixo, é un obxectivo prioritario do seu Executivo.
Neste sentido, puxo de relevo o envellecemento da poboación, na que "un 23 por cento ten máis de 65 anos", e reclamou que o novo modelo de financiamento autonómico tamén teña en conta este aspecto. "Ademais da poboación cuantitativa deberiamos de facer análises cualitativas", subliñou o mandatario galego, quen argumentou que "non ten o mesmo gasto social unha persoa de 30 anos que outra de 70 anos".
"O Goberno equivócase se pretende con isto liquidar as súas estabilidades parlamentarias e se pretende solucionar os problemas do PSOE, sobre todo do PSC", advertiu Feixóo, quen considera que o novo modelo se debe resolver "entre todos". "E entre todos repartamos o diñeiro, que é de todos", remachou.
Reforma fiscal
En materia económica, Feixóo apostou por impulsar reformas fiscais e tributarias e asegurou: "se reducimos impostos, recadaremos máis". Neste sentido, explicou que as familias, pemes e autónomos con rendas baixas poderán deste xeito consumir máis e proporcionarase confianza ao sistema financeiro "para tirar todos xuntos".
Reiterou que aprobará, durante os 100 primeiros días do seu mandato, unha lei para reducir nun 50 por cento o imposto de transmisións e posteriormente, nesta lexislatura, rebaixará o imposto da renda e eliminará o imposto de sucesións aos cidadáns con rendas máis baixas.
Descargar Tarifas