
Ademais dos curas, no caso dos posuídos modernamente apareceron outros curadores, ou os mesmos con nome novo: os espiritistas. Outra vez a contaminación procedente de América. Viaxan en taxi ou en coche propio visitando as aldeas e viven diso. Mellor direi vivían, porque máis recentemente todo isto practicamente desapareceu. En 1964 xa non foi ninguén ao Corpiño. Chámanlles tamén evanxeliadores. Esconxuraban cos evanxeos en latín, e con estola e rosario, imitando os cregos e eran todos homes: detalle importantísimo e moi revelador.
Segundo di un crego exorcista entrevistado por Lisón (Véxase La España mental: el problema del mal. Demonios y exorcismos en Galicia), referíndose aos endemonichados: “As molestias e enfermidades que os aqueixan foron diagnosticadas polos médicos como de tipo mental, demencia, epilepsia, nervios, insomnio, tristeza, angustia, medos, mal humor, sen paz na familia, reumáticos, de pulmóns, afeccións gástricas, septicemias e anémicos; e outros que non lles atoparon causa física do seus padecementos. Saquei varios demos, algúns son rebeldes, pero aínda nese casos non tiven que botar man do exorcismo de verdade que ten o ritual.”
Lisón dá unhas cifras dun 63 por cento de mulleres e un 13 por cento de nenos e nenas. O 72 por cento, menores de 50 anos. Resulta que é verdade que os demos prefiren as mozas.
Outros falan de neuras, histeria, manías, etc. Lisón pregúntase se as convulsións, o retorcemento de membros, a aversión ao sagrado oficial, os berros, son unha farsa teatral e mendaz ou unha traxedia brutal, terriblemente humana. Que é o que pretenden? Que imaxinan? A que obedecen?
Na miña opinión a pregunta está errada.
A base fisiolóxica, ou física, ou bioquímica, etc –di– estimúlaos non só á acción senón ao pensamento metafísico e mitopoético.
Pois ben, as alternativas clásicas son dúas: son enfermos vítimas da superstición (esta é a opinión progresista e tivo enorme éxito entre os ilustrados galegos). No fondo, se se le ben o que di Lisón, esta é tamén a súa opinión, aínda que moi matizada. A segunda opinión: están verdadeiramente posuídos (esta é a opinión dos sectores máis irracionalistas da Igrexa e da poboación).
Cabe unha terceira posibilidade, a de que estas persoas non son unicamente enfermos (e ás veces nin sequera son enfermos, senón rebeldes) nin están posuídos, só actúan de acordo ao mito, reproducen o mito, reproducen a lenda, son meros transmisores do seu sistema cultural. Cando están tristes, desesperados, melancólicos, fartos da súa situación, buscan unha explicación, e para iso recorren ao seu sistema mitopoético, efectivamente, reproducindo palabra a palabra o que escoitaron, o que saben: como quen conta unha lenda de meigas, de trasnos ou de mouras. De feito, todos os relatos e sucedidos sobre meigallos non son outra cousa que lendas típicas. Así, as convulsións son unha autofarsa, pero non mendaz, e tamén son unha traxedia terriblemente humana. Ao atopármonos cos endiañados atopámonos co mito vivo e aínda actuante.
Descargar Tarifas