PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Discurso de Xose María Arias na Xunta de Accionistas
Banco Pastor: 'A recuperación comezará a finais de ano'

Xurxo González A CORUÑA  O presidente do Banco Pastor, Xosé María Arias, di que o adeus da entidade a Unión Fenosa é 'agridoce', pide medidas liberalizadoras ao goberno e defende o modelo de negocio da banca mediana española. Un grupo de accionistas critica as presións da entidade sobre os 'clientes de toda a vida'.

Reloxo 23.04.2009 | 19:48

Xunta Xeral de Accionistas do Banco Pastor Xunta Xeral de Accionistas do Banco Pastor. Irene Molina/AGN

Arredor de 300 persoas asistiron á Xunta Xeral de Accionistas do Banco Pastor que se celebrou o 23 de abril nas instalacións da Fundación Pedro Barrié de la Maza (maior accionista da entidade), nos Cantóns, A Coruña. Todos os puntos da orde do día, incluído o informe de xestión e as contas do ano 2008 foron aprobados tras os discursos do presidente, Xosé María Arias, e do conselleiro delegado do banco, Jorge Gost. Ambos insistiron no bo estado das contas do Pastor, pese a lamentar que as plusvalías derivadas da venda da participación en Unión Fenosa a Gas Natural (que se fará efectiva en poucas semanas) se dediquen a cubrir a crecente morosidade dos próximos meses.

Xosé María Arias defendeu a solidez do modelo de negocio da banca de mediano tamaño, na que se inclúe o Pastor, porque resistiu mellor a catástrofe financeira de 2008 que os xigantes do sector. “Moitas das entidades que en setembro de 2007 pronosticaron a desaparición da banca mediana figuran entre as que quebraron ao longo do ano pasado”, sinalou. “É por iso que a banca clásica, tradicional e de perfil baixo, a de toda a vida, a que ten practicado desde sempre a banca española, cobra un valor especial agora que o resto do mundo aposta por volver ao noso modelo de negocio minorista e de proximidade ao cliente”.

Inicio da recuperación para final de ano

Arias detallou as principais cifras que, tanto na economía real como na financeira, debuxan, dixo, unha das peores crises da historia. Non obstante, amosouse optimista, xa que, na súa opinión, “a finais de ano podería comezar a recuperación tanto a pé de rúa como nas bolsas”.

O valor das accións do Banco Pastor retrocedeu un 52,8 por cento en 2008, pero o máximo responsábel da entidade inseríu este severo descenso nas caídas xeralizadas en todo o planeta. En canto as perspectivas para a economía española, sinalou que era probábel que se chegase ao 20 por cento de parados, pero apuntou que algúns informes falan de 4 millóns de postos de traballo vacantes en Europa por falta de cualificación dos empregados.

Defensa de Bolonia e da Directiva Bolkenstein

Arias defendeu catro medidas liberalizadoras para remediar a actual conxuntura. En primeiro lugar, insisitiu nas reformas educativas para que a formación universitaria se adecúe ás necesidades das empresas, na liña do proceso de Bolonia. En segundo, afirmou a necesidade de implantar rapidamente a polémica Directiva de Servizos (coñecida como Bolkenstein), que elimina trabas á creación de empresas e á súa implantación na UE.

Estas son as medidas que tamén se deben aplicar nos sectores do transporte e da vivenda, segundo o banqueiro galego. Por último, dixo que era necesaria a liberalización do sector da enerxía e o recurso “a calquera fonte de enerxía que abarate os custes”, nunha velada referencia á nuclear.

Os pisos deben ter un prezo menor

O presidente do Pastor sinalou que o nivel actual dos tipos de interese do Banco Europeo, no 1,25 por cento, “non son o mellor para unha entidade financeira, pero contribuirán a aliviar as economías familiares, polo que pode favorecer unha menor intensidade da morosidade”. Con todo, indicou que “son previsíbeis novas rebaixas en 2009 e mesmo en 2010”.

Non obstante, afirmou que é improbábel que os baixos tipos de interese reactiven por sí sos o mercado inmobiliario. “Neste caso influirán máis as caídas de prezos que xa se comezan a ver e que en marzo se sitúan nun 10 por cento en relación ao ano anterior”.

Arias mostrouse contento cun dos resultados da crise: a taxa de aforro das familias está aumentando. “Isto é bo para as entidades financeiras e para o país, que debe desendebedarse”.

Adeus agridoce a Unión Fenosa

A moi próxima fusión entre Unión Fenosa e a eléctrica con sede en Barcelona Gas Natural ten connotacións enfrontadas no banco da Coruña. En poucas semanas farase efectiva a OPA lanzada pola catalana, coa que o Pastor ganará 202 millóns de euros. “Estas plusvalías servirán para realizar a travesía do deserto” e superar a etapa de maior impacto da morosidade nas contas da entidade.

Con todo, Arias dixo que “o adeus estratéxico que decimos a Unión Fenosa é agridoce, posto que axudar a crear un xigante do sector enerxético sempre é un orgullo e unha satisfacción”. Hai que lembrar que a relación do Pastor con Fenosa, ambas compañías capitaneadas por Pedro Barrié de la Maza durante décadas, remóntase a máis de cincuenta anos.

164 millóns de beneficio en 2008

Jorge Gost, conselleiro delegado do Banco Pastor, insistiu en que a posición da entidade coruñesa é de tranquilidade para os próximos anos. O beneficio de 2008 foi de 164 millóns de euros, un 18,8 por cento menor que no exercicio anterior. Aínda así, o xestor afirmou que o Pastor practicamente non ten vencementos de obrigas financeiras a longo prazo nin en 2009 nin en 2010, e que a venda de Unión Fenosa supón un colchón suficiente.

Clientes e accionistas critican as presións do Pastor

Xosé María Arias e Jorge Gost insistiron en que os créditos concedidos durante 2008 foron un 1,3 por cento maiores que o exercicio anterior e que o Pastor está entre está entre as 12 entidades españolas que concenden máis financiamento a pemes en colaboración co ICO. Resaltaron tamén que a entidade reforzou a súa líña de crédito a empresas, comercios e autónomos con 1.000 millóns de euros, pero algúns clientes non se amosan moi convencidos.

O único turno de palabra que se tomou no punto de rogos e preguntas foi o dun representante do grupo de empresas da construción Leal e Hijos, con sede en Avilés. O voceiro criticou que o Pastor gábase de ser “un banco de toda a vida, pero nas súas oficinas aprétase ao cliente de sempre”. Os empresarios asturianos lamentan que “a pé de rúa as cousas estanse poñendo moi difíciles desde os dous puntos de vista que nós temos do Pastor, a de accionistas e a de clientes”.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río