Europa Press . A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, reclamou hoxe ante o Valedor do Pobo que se revoguen os acordos alcanzados na última asemblea do Consello da Xuventude de Galicia (Conxuga) e esixiulle ao titular de Presidencia, Afonso Rueda, que 'sexa coherente' coas declaracións do PPdeG e 'non ratifique' á nova dirección, elixida nunha asemblea 'ilegal' o pasado 28 de marzo.
Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova.
En declaracións aos medios ante a sede do alto comisionado, Aboi explicou que o 28 de marzo, Galiza Nova xunto con outras entidades denunciaron "irregularidades" que afectaban á convocatoria e a constitución da asemblea. Entón, Galiza Nova recriminou que o proceso de acreditacións se fixo de modo "discrecional, sen sequera solicitar o DNI e ampliando o prazo até as 10.39 horas, momento no que seguía sen haber quórum e no que o presidente decidiu pechar a mesa".
Segundo a líder dos mozos do BNG, o presidente, baixo as presións de membros destacados do PSOE –como o deputado Xosé Manuel Lage Tuñas e o alcalde de Fene, Iván Puente– volveu abrir a mesa para acreditar dúas persoas pertencentes a unha organización afín ás Xuventudes Socialistas, "para así conseguir o quórum preciso".
"Os responsábeis eran e son as mocidades socialistas, que provocaron esta situación para manter o Consello da Xuventude de Galicia como coto privado", denunciou hoxe Aboi, quen puxo de manifesto que a nova presidenta, Azucena Rodríguez Amoroso, é a irmá da anterior e responsábel das mocidades socialistas, Dolores Rodríguez Amoroso.
“A situación empeorou”
Iria Aboi denunciou que, un mes despois, "non só non se corrixiu a situación, senón que empeorou", e explicou que existe unha "nula vontade" por parte das irmás para "reconducir a situación", de forma que se convoque de novo unha asemblea e se revoguen os acordos adoptados na anterior.
"Non é de recibo que o comité estea de forma interina e cunha presidenta elixida nunha asemblea irregular. É moi grave e non imos deixar de denuncialo", aseverou a secretaria xeral de Galiza Nova, tras o que constatou que "parece que prevalece o interese dun partido que a vontade de solucionar un espectáculo bochornoso".
Así, Aboi debullou as accións emprendidas para reconducir esta situación, entre as que Galiza Nova reclamou unha "auditoría" para que se revisen as contas do último ano, 2008, que foron aprobadas na asemblea pasada. A maiores, pediu fiscalizar as contas dos anos 2005, 2006 e 2007, en que houbo un "pacto entre as mocidades do PPdeG e do PSdeG" para sacalas adiante, afirmou.
Do mesmo xeito, presentaron unha queixa ante o Valedor do Pobo para que "faga recomendacións á presidenta do Consello da Xuventude de Galicia" co fin de que convoque unha asemblea xeral de novo para elixir un novo comité permanente "garantindo a participación de todos os membros" do Conxuga.
Coherencia
Ademais, Galiza Nova confiou en que o "PP sexa coherente coas declaracións feitas". "A pelota está no tellado da presidenta, pero tamén na do novo conselleiro de Presidencia, pois del depende que se ratifique a comisión permanente", avisou, tras o que esperou que "nese sentido, que o PP sexa coherente" as súas palabras e "non contribúa ao esperpento no que está sumido hoxe esta institución".
Aboi defendeu que o Conxuga sexa unha "institución útil", algo que choca, na súa opinión, co "que é hoxe en día". Ao seu xuízo, o Conxuga "é descoñecido pola maior parte da cidadanía galega", polo que avogou por convertela nun espazo "para o asociacionismo xuvenil e no que se evite o uso partidista". "Para a mellora desta institución, pódese contar con Galiza Nova", sentenciou.
Descargar Tarifas