Anúnciase unha conferencia do historiador Xosé Manuel Núñez Seixas en Escocia, e dígolle a John Moore que se apunte, que lle vai resultar interesante. Asistímoslle á intervención e despois quedamos con el no terceiro tempo, paseando un pouco pola contorna e coñecendo as pequenas vilas próximas. El ponnos ao día do que pasa en Galicia —"non me preguntedes o que pasou o 1 de marzo, porque non o sabe ninguén"— e nós, pero sobre todo John, coméntalle cousas sobre Escocia, o sistema político, a democracia liberal...
Nun momento, cando estamos debruzados no murete dunha ponte vendo pasar por baixo as augas cobrizas do río Allan, empezamos a falar do sistema electoral. Explícalle John a Núñez Seixas que en Escocia se mesturan e complementan o sistema directo e o proporcional, de maneira que hai deputados que o son por distrito e deputados que compensan a desviación a través de listas rexionais.
A cambio John pregúntalle a Núñez cómo funciona en Galicia e este cóntalle o que xa sabemos das circunscricións provinciais e do límite do 5 por cento mínimo dos votos para poder obter escano. O vello John queda estrañado cando lle explica que o voto dun ourensán vale máis ca o de dous coruñeses xuntos, e non é rara a súa reacción, pois en Escocia cada nova elección moven os marcos do distrito para que o censo sexa máis ou menos semellante en todos. Pero ao final enténdeo. O que non comprende é o do 5 por cento. Núñez Seixas intenta explicarllo varias veces, pero non hai maneira: a barreira cultural é demasiado grande.
Seguimos paseando, falando doutras cousas e despois marcha cada moucho ao seu souto. E unhas horas despois, xa ben noite, chámame John ao móbil e dime que ten que facerme unha pregunta sobre o 5 por cento.
—Vós dicides que aos partidos grandes non lles interesa que haxa grupos pequenos no Parlamento, e que por iso suprimen arbitrariamente os votos dalgúns cidadáns, non?
—Basicamente si.
—Pois iso é o que non entendo. Dende un punto de vista democrático, a todo o mundo tería que interesarlle que houbese outras opinións á par da súa...
—Veña ho... —interrómpoo— a quen lle importa o que pensen os demais? Ademais, non ves que se o listón está alto impides que a xente do teu partido se escinda?
—Si, pero tamén impides que se escindan outros partidos... Ademais, nunca sabes cando che tocará a ti escindirte.
Descargar Tarifas