Feixóo asina un contrato con Galiza.
Señor Presidente:
Iniciaba Jean-Jacques Rousseau o seu célebre Du Contrat Social advertindo que entraba en materia sen demostrar a importancia do tema e lexitimando a xustiza do seu proceder no deber que emanaba do seu dereito a voto; deber que exerzo agora eu por moi feble que puidera ser a miña voz nos asuntos públicos* e dando por xustificada a importancia do asunto no feito deste formar parte daquel contrato que vostede asinou, do seu puño e letra, durante a pasada campaña electoral.
Naquel contrato enumeraba vostede 14 medidas que en detalle desenvolvía no programa electoral do Partido Popular prometendo literalmente o "Impulso da implantación de software libre e uso de estándares abertos na Administración Autonómica, compartindo e reutilizando o software que fose creado con diñeiro público, sen posicións dogmáticas fronte a catro anos de bipartito de impulso teórico e enchido de adxudicacións de software privativo".
Acción do Goberno Bipartito
Non lle vou discutir a valoración que nese parágrafo fai da acción de goberno do bipartito; entre outras cousas por que pasa a vostede a presidir o Goberno dun país recoñecido internacionalmente polo éxito das súas políticas públicas nesa materia. Permítame lembrarlle o recoñecemento da ONU, a intensa labor de asesoramento a distintos organismos da Unión Europea, a participación na posta en marcha de iniciativas como o Centro Europeo de Interoperabilidade Semántica (SEMIC), no que Galiza representou ao Estado español por méritos próprios ou o Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre, que tomou como modelo o implantado por Mancomún. Permítame sinalarlle tamén o incontestabel éxito de produtos desenvolvidos en colaboración co voluntariado e coas empresas como o lanzamento de Galinux, o primeiro sistema operativo público galego do que xa se distribuíron máis de 45.000 copias, ou o DVD da PEME, que abriu novas oportunidades de negocio para a PEME TIC galega nun escenario de crise económica. E por se estas probas non foran suficientes, déixeme convidalo a comprobar por sí mesmo a incontestábel realidade estatística: os resultados do informe anual do software libre nas entidades de Galiza, que amosa cómo chega a triplicarse o seu uso nese período, ou a do proprio INE, que sitúa a Galiza como líder na implantación de software libre empresarial no Estado.
E sabe qué, señor Presidente? Que detrás de cada unha desas iniciativas está o compromiso de ducias de persoas voluntarias, a profesionalidade de pequenas empresas de capital galego e o compromiso de moitas personas que traballan nesa Administración Pública que vostede deberá dirixir. A súa falta de respecto a todas esas personas é algo que me doe personalmente, pois se algún aspecto positivo podo sinalar da miña participación nestes anos foi precisamente da oportunidade de traballar con todas esas personas. Un bon ponto de partida sería pedirlles desculpas públicamente, pois públicamente censurou vostede o traballo de cada unha delas.
Minuto cero do Goberno Feixóo
Mais sexa como for, o caso é que agora si; agora sí que chegou o momento. Chegou o momento de cumprir coas promesas, chegou o momento de demostrar que aqueles compromisos eran algo máis que un mero trámite que os políticos realizan en data electoral a sabendas de que non o vai cumprir, citando as súas propias palabras. Consecuentemente chegou tamén o momento de contrastar coa realidade dos feitos a súa capacidade para cumprir como Presidente do meu pais o que prometeu co candidato do Partido Popular; e, dende logo no que se refire á implantación de estándares abertos e software libre, parte vostede con vantaxe: habería erros no Goberno Bipartito; mais no que se refire ao software libre, o acerto do realizado non ten lugar a dúbida.
Minuto cero do Goberno Obama: 30 segundos despois de tomar posesión, a web da Casa Branca amosaba unha licenza libre. A comunidade tecnolóxica internacional recibiu a mensaxe: Obama cumpriría co seu compromiso de implantar estándares abertos e software libre na Administración dos Estados Unidos de América. Qué pasou no minuto cero do Goberno Feixóo? Examinemos os feitos.
O 21 de abril do 2009 celebrouse o primeiro Consello da Xunta que vostede preside. A Orde do Día consistía nun punto único: a modificación da estrutura orgánica do Goberno. Tras unha breve deliberación, a modificación foi aprobada e posteriormente divulgada a través dun documento descargabel dende a web corporativa da propia Xunta.
Pois ben. Ese documento, señor Presidente, o primeiro documento divulgado polo seu Goberno foi elaborado empregando un programa privativo –o que contradí o seu programa electoral– cando podía facelo igualmente reutilizando o software que fose creado con diñeiro público tal como prometeu –por exemplo empregando o OpenOffice, que foi traducido con ese mesmo diñeiro público. E por se iso fose pouco, o documento divúlgao en formato MICROSOFT EXCEL, é dicir, empregado todo o contrario do que son os estándares abertos que vostede prometeu empregar na nosa administración pública. E como non podía ser doutro xeito, ao empregar software privativo vostede perde o control da información que xestiona, e por iso é posibel extraer del información oculta que revela datos potencialmente confidenciais.
Transcorreu o minuto cero da lexislatura. Conclusión: incumpre vostede o prometido en materia tecnolóxica. O ridículo xa é inevitabel, mais aínda está a tempo de corrixir a súa torpeza. Espabile e póñase as pilas señor Presidente; complicado o vai ter senón para recargar Galicia. Iso foi o que prometeu.
Reciba un cordial saúdo,
--
Tradución libre "(...) quelque foible influence que puisse avoir ma voix dans les affaires publiques". Du Contrat Social (Prólogo do Livre I). Rousseau, Jean-Jacques. Lyon: Imprimerie d'Amable le Roy, 1792.
O documento distribuido pola web corporativa da Xunta, que contén o mapa da nova estructura orgánica da Xunta, revela información oculta que a inexperiencia dos novos gobernantes non soubo ocultar. Este feito, unido ao de terse formateado co Microsoft EXCEL, permite extraer datos ocultos que amosa o sinxelo que resulta comprometer a confidencialidade dos datos que se manexan na Xunta, debido á súa dependencia de Microsoft.
O documento iniciouse o día 7 de abril ás 11:26 da mañá e traballaron nel até o sábado 18, cando ás 18:57 se imprimiu nunha impresora NRG 7521n PCL 5c, para a supervisión directa de Alberto Núñez Feixóo. O documento circulou a través de distintos terminais privados e da Rede Corporativa, e tras finalizar o primeiro Consello da Xunta, introducíronse as últimas modificacións, cousa que se fixo o mesmo día 21 de abril ás 15:12. Estas últimas modificacións foron introducidas polo usuario gabinete8 e remitido por correo electrónico poucos minutos antes de ser publicado na web da Xunta.
Descargar Tarifas