Redacción . A chegada de Alberte Núñez Feixóo á Xunta está a ter algunhas consecuencias no funcionamento dalgúns servizos públicos. Os que oferta o CIP (Club Internacional de Prensa) en Santiago como lugar no que numerosas organizacións e colectivos facían as súas presentacións e roldas de prensa, son algúns deles. O Goberno comunicou onte ás 23.00 horas o cese a Carme Carballo, agora ex directora do centro, e a suspensión de toda a actividade programada no mesmo. Amarante, Verdegaia e o Sindicato Labrego Galego víronse obrigadas a presentar hoxe a 'X Semana Galega do Comercio Xusto' ás portas do CIP.
“Acabaron co CIP que é algo fundamental para facer actos, presentacións, xuntanzas e roldas de prensa. Se esta é a forma que o señor Núñez Feixóo ten de respectar a todo o mundo a min paréceme indignante o que está a suceder”. Así de rotunda se amosaba a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, despois de dar unha rolda de prensa para presentar a 'X Semana Galega do Comercio Xusto'. A sindicalista explicou que lles comunicaron onte á noite que o CIP pechaba e non tiveron tempo de cambiar o lugar da presentación da rolda de prensa, polo que optaron en levala adiante ás portas do Club Internacional de Prensa como acto de protesta pola nova situación. “Denunciamos o peche deste lugar de uso común e a precariedade que vai supoñer para moitas organizacións o non dispor deste servizo facendo a rolda de prensa fóra”, explicou Freire, que cualificou a nova situación de “indignante”. Para moitos dos usuarios do CIP este peche significa un cambio no funcionamento do centro dirixido até onte por Carme Carballo, caracterizado nos últimos anos por ser un espazo aberto a todo tipo de organizacións e colectivos.
A rolda de prensa da Semana Galega do Comercio Xusto fíxose ás portas do CIP..
1 / 3
O Sindicato Labrego Galego, Verdegaia e Amarante presentaron a décima edición da Semana Galega do Comercio Xusto que se desenvolverá en toda Galiza esta fin de semana que nesta ocasión está adicada ao Cambio Climático.
Entre as actividades destaca o seminario organizado por Amarante e a Universidade de Santiago de Compostela entre o 24 e 26 de abril titulado 'Consumo responsábel e cambio climático' que contará coa presencia de membros de Greenpeace, Veterinarios sen Fronteiras, Ecoloxistas en Acción, Universidade Rural Paulo Freire, Centro de Investigación sobre Consumo (CRIC-Revista Opcións) ou Vía Campesina que analizarán a problemática do cambio climático e trazarán as liñas estratéxicas para sair das múltiples crises no que está inmerso o modelo de produción e consumo capitalistas.
Por outra banda Amarante, o SLG e Verdegaia organizan unha xira por Galicia da dirixente africana de Vía Campesina Mariam Sissoko.
Calendario da xira:
-Acto SLG. Sede SLG-Betanzos. Martes 21 de abril. 12,00 horas
-Charla Pontevedra. Galería Sargadelos. Martes 21 de abril. 20,00 horas
-Acto SLG. Sede SLG-Ribadavia. Mércores 22 de abril. 12,00 horas
- Charla Vigo. Amarante-Vigo. Mércores 22 de abril. 20,30 horas
-Acto SLG. Sede SLG-A Mariña. Xoves 23 de abril. 13,00 horas
-Charla Ribadeo. Sede SLG-Ribadeo. Xoves 23 de abril. 20,30 horas
- Seminario USC. Compostela. Venres 24 de abril. 12,45 horas
Descargar Tarifas