Manuel Vilas . As campañas electorais das tres grandes forzas políticas coincidiron en apostar polo software libre, as aplicacións informáticas que calquera pode copiar e traducir. Suso Baleato, coordinador do primeiro ente público galego a prol destas ferramentas (Mancomún.org) explica porque o código aberto é clave para o futuro da lingua.
Entrevista a Suso Baleato, coordinador de Mancomun.org a principios de 2009.
Que vantaxes ten o software libre? Os que non son técnicos, a primeira vantaxe que ven é que se pode descargar de internet gratis. Tamén é importante a cuestión legal. Moita xente ten programas na casa polos que non paga licencia, de forma ilegal. Ademais, a configuración legal das licencias e a súa arquitectura aberta do código permítennos traducir programas de forma sinxela, rápida e a moi baixo custe; o que non sucede nas aplicacións de pago. Pero iso do código aberto, non é só para informáticos? O software libre non é só programación. Tamén é comercialización, difusión, tradución, etc. No caso de Galicia, o traballo céntrase en dúas areas. Cales? A de localización é a máis importante. Os voluntarios traballan con comunidades internacionais para traducir programas, en colaboración coa Xunta. A outra parte é o tecido asociativo, no que participan os grupos de usuarios de Linux, que fundamentalmente promocionan as ferramentas. Logo están os xestores de negocio, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), un ente pioneiro no Estado e na UE. Ademais dos interlocutores institucionais, como Mancomun.org. e as oficinas universitarias. Con Mancomun.org é a primeira vez que a Xunta, a través de Industria, investiu en software libre. Con que resultado? O éxito percibiuse nas empresas, nos concellos e nos centros educativos; onde se triplicou o uso. Na implantación de software libre nas empresas somos líderes no Estado. Os números están aí e demostran que foi realmente de éxito. Ademais, a Comisión Europea, chámanos continuamente para asesoralos e a universidade da ONU sinalounos como referente. Tamén é certo que unhas consellerías apostaron máis que outras... Se cadra faltou un empuxe máis contundente, máis decidido; ese aspecto podería ter sido mellorado. Pero iso non quita que o esforzo fique aí e sexa aproveitábel para o novo Goberno. Fala do novo Goberno. O programa electoral do PPdeG apostaba especificamente polo software libre... Á vista do programa, a continuidade de Mancomun.org non só non corre risco senón que debe ser potenciado necesariamente; pois a aposta que fai o PP non só require usar os recursos existentes senón multiplicalos, e por moito. Temos unha aposta sobre o papel, que nos fala dunha implantación efectiva na administración. Desexo que sexa así e non temos porque desconfiar. Iso si, as condicións de mercado, da industria tecnolóxica galega e da administración son as que son. Que quere dicir? As políticas de implantación de software libre na administración están moi estudadas e non ten sentido inventar a pólvora. Hai un camiño, que é o que terá que seguir o novo Goberno se efectivamente ten pensado cumprir a promesa. Por iso non hai outra alternativa que potenciar o que xa hai. Pero os que usan software libre, non teñen demasiados problemas de compatibilidade? Non, está baseado en estándares abertos e pensado para traballar en rede. Isto permite usalo con sistemas operativos distintos, con ordenadores distintos e con versións distintas. Por exemplo, o OpenOffice.org –software libre– permítenos abrir documentos de calquera versión do Microsoft Word –software privativo–. Todos estes problemas de ‘non me mandes en Word 2000 que eu teño Word 97’ remataron.
Descargar Tarifas