PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
BLOG XOSE LOIS GARCIA
Xosé Lois
García
Escritor
O nacionalismo de Amílcar Cabral
África é tan grande coma ignorada. Non é posíbel que logo de case 50 anos dos movementos independentistas africanos sigamos ignorando as principais figuras dun momento político fascinante e cheo de atrevemento. O libertador de Guiné Bissau e Cabo Verde, Amílcar Cabral, merece que coñezamos a súa historia.
 20.04.2009 | 12:02

Amílcar Cabral Amílcar Cabral

Amílcar Cabral naceu en Bafatá (Guiné-Bissau), en 1924, e foi asasinado pola PIDE en Conacri, en 1973. Fundador do Partido Africano da Independência de Guine-Bissau e Cabo Verde (PAIGC). Considérase o fundador destes dous Estados  africanos. Cabral foi o ideólogo do nacionalismo africano e o propulsor anticolonial dos cinco países africanos baixo dominación portuguesa. A súa análise nunca ficou restrinxida a un canon determinado ou a conceptos únicos no contexto nacionalista, na loita de clases e no papel que xogou nestes países a pequena burguesía fronte ao fundamentalismo neocolonial. O seu nacionalismo susténtase no proceso histórico particularizado en cada contexto sen alterar ou manipular as diversas frecuencias, tanto no estudo de cada espazo nacional como nos obxectivos que merecen ser tratados en cada unha das colonias en vías de liberación nacional.

No ámbito das teorizacións nacionalistas, Cabral demostrou ser un dos precursores dun modelo de organización cuxa loita fundaméntase en determinadas accións e actitudes, aplicadas dun modo particular aos diversos contextos africanos e non dun xeito estático e igualitario. As condicións de cada xeografía africana foi vista por Cabral dunha maneira dinámica e aplicando a cada necesidade un proxecto diferente. Nesta teorización deslexitimou o sistema colonial e a metodoloxía da imitación de modelos nacionalistas e revolucionarios que tentaban outros símiles, considerando que os contextos históricos e os procesos de análise son diversos co fin de combater o sistema de opresión.
O problema nacional, na loita de liberación nacional de Guiné-Bissau e Cabo Verde, representou para Cabral comprender os principios dialécticos do proceso de descolonización e a formación dunha serie de condutos sobre a identidade nacional que permitise acceder á autodeterminación nacional. Nos seus escritos temos materia suficiente para comprender que o principio de autodeterminación ten en Cabral unha particularidade orientadora, que permite a posibilidade dos movementos anticoloniais percibiren que o nacionalismo debe ser o motor fundamental na liquidación total da opresión dunha nación por outra.

O nacionalismo revolucionario era, para Cabral, o motor indispensábel de cambio, capaz de normalizar varias expresións verificadas no internacionalismo proletario. Pois, neste apartado, Cabral non tiña confusión entre o nacionalismo e o internacionalismo. O seu proxecto nacionalista non excluía o papel que podía desempeñar o proletariado e a pequena burguesía autóctona. Para el, o problema nacional dentro da loita de clases representaba a percepción dos principios dialécticos do proceso de descolonización desde unha obxectividade nacionalista.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río