Redacción . Israel, o Canadá, os Estados Unidos, Italia, Australia, Holanda e Nova Zelandia non acoden hoxe á Conferencia Mundial do Racismo que celebra a ONU ao considerar que a cita ten un carácter antisemita e porque contén referencias que rexeitan ou eluden temas que estiman que son esenciais.
Ban Ki-moon, secretario xeral das Nacións Unidas.
A Conferencia Mundial do Racismo, que comeza hoxe en Xenebra, está marcada polas acusacións de antisemitismo por parte dun grupo de países que decidiron non tomar parte no encontro. O secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-moon, inaugurará oficialmente a Conferencia de Revisión sobre Racismo, Xenofobia e Outras formas de Intolerancia, que ten por obxectivo pór ao día o acordado hai oito anos na primeira reunión destas características.
Un total de 186 delegacións participarán na conferencia, que decidiron boicotear Israel, o Canadá, os Estados Unidos, Italia, Australia, Holanda e Nova Zelandia por considerar que é unha cita de aberto carácter antisemita. En referencia a estas ausencias, a Alta Comisionada de Dereitos Humanos da ONU, Navy Pillay, dixo non comprendelas e lamentou a decisión destes países de non participar, especialmente os EEUU, ao entender que todos os puntos en conflito foron eliminados.
O borrador
O texto borrador que debe converterse en documento oficial foi adoptado por consenso o pasado venres tras arduas negociacións. A referencia á "difamación de relixións" –a polémica xurdida no 2006 por mor da publicación das caricaturas de Mahoma nun diario danés– que os occidentais vían como unha ameaza para a liberdade de expresión foi eliminada. Ademais, o texto non fai ningunha alusión ao conflito en Oriente Medio, a Israel nin o sionismo. Tampouco fai referencia á situación dos territorios ocupados de Palestina.
“A delegación palestina foi moi xenerosa ao aceptar retirar o parágrafo en aras do consenso", asegurou Pillay. A Alta Comisionada manifestou en reiteradas ocasións a súa sorpresa ante a acusación de que a Conferencia é antisemita "porque o texto non contén ningunha referencia ao tema”.
A polémica do Holocausto
Pola contra, o documento si inclúe un parágrafo no que explicitamente se cita o Holocausto e a necesidade de non esquecelo. O Irán tentou até o último momento para intentar eliminalo, xa que considera que non ten que ter unha xerarquía especial. Ahmadineyad suxería suprimilo ou no seu caso incluílo nunha lista con outros xenocidios. O presidente iraniano será o único xefe de Estado que se dirixirá publicamente á Asemblea.
Hai oito anos, Israel abandonou a anterior conferencia logo de ser tachado de "estado racista" polos países árabes e por algunhas organizacións non gobernamentais, aínda que o documento oficial non acusou a Tel Aviv pero si mencionou o dereito dos palestinos á autodeterminación.
Descargar Tarifas