Redacción . O tabaco xerou no 2008 un sobrecusto sanitario e social de 433 euros por cidadán, o que supuxo un custo total de 16.474 millóns de euros, segundo datos do Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo (CNPT), do que forman parte máis de corenta entidades científicas e profesionais do ámbito sanitario.
Este comité denunciou nun comunicado que este “formidábel custo non o pagan solo os fumadores senón todos os cidadáns na medida que repercute nos impostos e nos prezos dos bens e servizos”. O CNPT propón “un incremento da fiscalidade do tabaco a fin de desincentivar o consumo e contribuír a compensar este sobrecusto. O CNPT estimou que os custos sanitarios directos das cinco enfermidades máis frecuentes asociadas ao consumo de tabaco suman actualmente en España un custo superior aos 7.700 millóns de euros anuais. O comité desglosou as enfermidades máis custosas para a sanidade, estando en primeiro lugar o infarto de miocardio, con preto de 3.650 millóns de euros, seguida de cerca pola enfermidade obstrutiva crónica (bronquite crónica, enfisema), cun gasto sanitario superior aos 2.900 millóns de euros anuais. Por outro lado esta agrupación tamén avaliou as perdas que ocasionan os empregados fumadores aos empresarios sinalando que o tabaco entrañou un “dispendio” de 8.780 millóns para as empresas españolas. De xeito que o CNPT aposta pola “aplicación estrita da prohibición de fumar nos centros de traballo que reduciría nun terzo este custo durante os próximos 10 anos”. Para facer fronte a este gasto esta organización xustifica un incremento “significativo” dos impostos especiais que “suporían unha recadación de 8.000 millóns de euros anuais”.
Descargar Tarifas