Redacción . A sede viguesa da Fundación Caixa Galicia acolle esta tarde unha homenaxe ao escritor Ramiro Fonte, falecido o pasado mes de outubro. O acto, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, contará coa actuación do Grupo Instrumental Siglo XX e coa participación dunha nutrida nómina de poetas.
O acto iniciarase ás 19:30 horas na sede da Fundación Caixa Galicia coa actuación musical do Grupo Siglo XX. A continuación, celebrarase un recital poético no que intervirán X. M. Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckenberg e Xulio L. Valcárcel. Tras unha segunda actuación musical, as recitacións proseguirán coas intervencións de Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane. Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) finou en Barcelona o 11 de outubro de 2008. Ocupaba a dirección do Instituto Cervantes en Lisboa. Colaborador en diferentes medios de comunicación, entre eles A Nosa Terra, e membro da Real Academia Galega da Lingua, exerceu como docente de Lingua e Literatura Galega en Vigo e foi profesor no Instituto Cervantes en Londres. Entre os galardóns que recibiu caben salientar o Premio da Crítica de Galicia, o Premio da Crítica Española, o Losada Diéguez e o Esquío, entre outros.
Ramiro Fonte.
Descargar Tarifas