
Nos Estados Unidos, Nashville é coñecida como a Music City, a cidade da música, alcume que acadou debido á súa prominencia como capital da música country. Aquí atópanse algúns dos mellores estudios de gravación do mundo, aquí teñen os seus cuarteis xerais moitos dos grandes selos discográficos do país, e nas rúas aínda se poden escoitar os ecos das voces de estrelas do country que o tempo converteu en figuras lendarias. Hank Williams, Johnny Cash, Ernest Tubb e tantos outros. Aínda hoxe centenares de músicos e cantautores de todo tipo acoden a Nashville na procura do éxito, atopando na meirande parte das ocasións que a realidade é ben diferente dos seus soños. E é que o country, coas súas raíces desvirtuadas polos sons do pop máis comercial e insulso, xa non é o que era, e polo tanto, Nashville tampouco. Tanto ten cambiado que é difícil recoñecela; na actualidade, Nashville é máis un mito, unha miraxe, unha metáfora, ca unha realidade. É unha cidade feita nostalxia.
Aínda así, nun aspecto principal, Nashville non cambiou moito: segue a ser unha especie de crisol no que se dan cita diversos estilos musicais, un espazo multicultural que mestura e acolle sons pertencentes a varias tradicións e países. Xa digo que Nashville foi sempre coñecida como meca do country, mais debaixo desa superficie florecían outros xéneros como o blues, o gospel ou o rhythm and blues. O Ryman Auditorium, edificio lendario estreitamente asociado ao country, albergou ao longo dos anos concertos de importantes artistas que pouco tiñan que ver coa música vaqueira, dende a orquestra de Duke Elllington até recitais do gran Caruso e pezas teatrais protagonizadas por Sarah Bernhardt.
O último exemplo da diversidade cultural e musical desta cidade tivo lugar hai unhas semanas no elegante auditorio da Sinfonía de Nashville, o Schermerhorn. Mariza, unha das voces máis sobranceiras do novo fado portugués, leva dende febreiro realizando unha xira polos Estados Unidos e o Canadá que non rematará até maio. E unha das cidades escollidas no seu periplo norteamericano foi Nashville. E vós pensaredes, quizais con incredulidade: “Fado en Nashville? Hai realmente interese polo fado nos Estados Unidos?” Pois a resposta é afirmativa, validando a profecía do Fernando Farinha, que nun dos seus vellos fados xa anunciara que o fado había de chegar a Hollywood. Nashville está lonxe de ser Hollywood, mais aquí ten o seu fogar unha importante comunidade lusófona e hispanofalante que aproveitou a rara ocasión de escoitar fado ao vivo.
E Mariza, vestida cun xaile negro ao estilo das fadistas tradicionais, encheu o Schermerhorn coa súa voz intensa e dramática que se elevaba sobre os melancólicos trinos da guitarra portuguesa. A audiencia, unha mestura de xente procedente do Brasil, de Portugal, de África, de varios puntos dos Estados Unidos e mesmo de Vigo (quen isto escribe, claro!), desfrutou da personalidade e elegancia dunha Mariza que, durante dúas horas, tornou o auditorio nunha casa de fado lisboeta. Mesmo presentou, nun coidado inglés, moitos dos temas que interpretou, rememorando a súa nenez e a longa e rica historia do fado. Foi unha noite inesquecíbel, na que o fado uniu persoas de procedencias ben diferentes, a través da sensibilidade e a poesía, esa linguaxe universal que está por riba de linguas e culturas.
Descargar Tarifas