Redacción . O último alcalde republicano de Moaña, Xosé Fandiño, será homenaxeado mañá nun acto no que tamén serán rememorados os moañeses executados, desaparecidos ou paseados nos primeiros meses da Guerra Civil.
A urbanización do Rosal, en Moaña, acollerá mañá o acto central da homenaxe ao último alcalde da República, Xosé Fandiño, fusilado o 31 de decembro do 1936 no Castro, en Vigo. Ademais, o concello do Morrazo lembrará outros sete veciños xulgados en Vigo baixo a acusación de rebelión. Algúns deles foron asasinados en Marín.
Xosé Fandiño, último alcalde republicano de Moaña
Fandiño, condenando a morte por masón, foi enterrado nunha fosa común en Pereiró e posteriormente os seus restos foron trasladados ao cemiterio de Moaña. A decisión máis transcendental adoptada pola corporación rexida por Fandiño foi o apoio sen reservas ao plebiscito do Estatuto de Autonomía, que o grupo de Goberno municipal anterior, dominada polo Partido Republicano Radical, rexeitara.
A homenaxe comeza mañá ás 20.30 horas coa descuberta da placa. Media hora despois presentarase no salón de plenos o seu retrato. Despois das conferencias a cargo de Xosé Carlos Villaverde Román e Xoán Miguel González Fernández, terá lugar a proxección do documental A guerra dos nosos avós, do moañés Óscar Galansky López.
Descargar Tarifas