PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
BLOG XOSÉ MIRANDA
Xose
Miranda
Escritor
Os remedios contra o Demo
 13.04.2009 | 17:51

Unha icona dun sacerdote Unha icona dun sacerdote

Os cregos son magos, pois están en contacto co sagrado. Son descendentes dos antigos xamáns e sacerdotes. Por eso son curas, ou sexa, curan. As súas mans son moi importantes, pois son vehículo da divindade. Por eso as bruxas buscan tollérllelas. Polo xeral os curas teñen gran poder contra o trebón e contra os que o causan, nubeiros, tronantes, etc. Do mesmo xeito os cregos teñen poder contra as meigas e contra os demos, aos que poden expulsar dos corpos mediante esconxuros.

Teñen tanto poder que unhas das persoas que máis frecuentemente resultan aolladores involuntarios son os curas. Moitas veces, sendo conscientes do mal que os seus ollos producen, sen ter intención nin desexo de prexudicar a ninguén, evitan ollar dereitamente as persoas e os animais e soen cubrir os ollos con lentes escuras. Teñen especial perigo como obxectivos involuntarios dos curas aolladores as mulleres que camiñan cara á feira coa rodela e a cesta dos ovos na cabeza. Se cruza no camiño cun cura aollador, os ovos caerán e esnaquizaranse. Os curas aolladores adoitan atoparse tremendamente incómodos co seu poder e pasan por moitas situacións desagradables. Pagan xenerosamente polas cousas que derraman. Di unha endiañada: “Non me atrevo a ir ao cura, non me atrevo, non o quero ofender, non sexa que non me cure”. Outra: “A meiga esa, como viviu tantos anos co cura, seguro que el lle aprendeu cousas de bruxería”. Outra: “A min resúltame imposible miralo mentres me está poñendo os evanxeos. El quéreme erguer a cabeza, pero eu teño medo e non me atrevo”. E outra máis: “Ten a ollada moi forte, e din que menos mal que ten gafas, porque se non sería peor”. “Agora o cura xa sabe moito, pero ás veces pasouno moi mal, unha vaez saíu da igrexa e vomitou e tirárono os demos e case rompe unha perna, pero agora xa é moi forte. Eu non me atrevo a ollalo. É moi forte”. “O sabio de xunto a Sarria ten poder porque adiviña, será por bruxo. O cura non é bruxo pero adiviña e ten poder, son moi parecidos ou iguais. O cura sabe por cura”.

“Don Xosé, crego de Vilastose, Muxía, era Sabio. Atendía todas as consultas e non cobraba pero aceptaba regalos. Aproveitándose deso parece que uns médicos de Santiago quixeron quitalo do medio mandándolle unha torta envelenada; el, que o sospeitou, deulle a proba ó can e este morreu. Chamábanlle o Entendido de Vilastose, e como proba da súa sabedoría cóntase como un dos seus pacientes que saíu da casa con tres ducias de ovos para regalarlle, pensouno mellor polo camiño e decidiu esconder unha para cando volvese. Chegou á casa do Entendido e díxolle:

— ¡Aquí lle traio dúas ducias de ovos para vostede!

Don Xosé, presto, respondeulle:

— ¿Por que non as agachas onde deixaches a outra?”

Moitas veces usan un libro máxico que permite a que o interprete descubrir tesouros, levitar, conxurar perigos e demiños ou nubeiros, etc. Existen múltiplas versións deste libro: o Ciprianillo ou Libro de San Cipriano.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río