Tardou, pero agora aspira a facerse cun bo número de premios Mestre Mateo. Os mortos van ás présas, de Ángel de la Cruz, é candidato a mellor filme, dirección, dirección de produción, guión, protagonista masculino (Chete Lera) e secundaria (Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira ‘Pico’), actriz protagonista (Neus Asensi), e mesmo copa todas as candidaturas á mellor secundaria (con María Castro, Rosa Álvarez, Belén Constenla e Berta Ojea). Foron necesarios oito anos de espera para que esta produción fose unha realidade, dende que Ángel de la Cruz elaborou o guión no 2001, ao tempo que escribía o d’O espírito do bosque, até o resultado final. O chapapote do Prestige enchoupou boa parte das localizacións, paralizouse a rodaxe por problemas de produción, foi necesario buscar novas vías de financiamento e abaratar custes... Finalmente, esta historia retranqueira sobre a morte conta con 48 copias distribuídas por todo o Estado... Das que tres están en galego: en Vigo, nos Multicines Norte, en Lugo, nos Multicines Centro, e en Lalín en Filmax Portiñas Cine.
Canda Os mortos, outra das preferidas para as estatuíñas é o fenómeno Pradolongo. O filme de Ignacio Vilar non só foi o primeiro realizado con capital integramente galego e en galego, senón que emprendeu un labor de difusión sen precedentes, que fixo dela a película galega máis vista nas salas de cine, mesmo nun contexto de crise nestes espazos de exhibición. A súa estrea na pequena pantalla, o martes 31 de marzo, tivo o mesmo éxito: as cifras de audiencia da TVG superaron as de outras canles que emitían series de éxito coma House.
Historias ben contadas e aposta polo idioma. Que ten a historia de tres adolescentes en Valdeorras, coas súas leas amorosas, e conflitos sobre o territorio como pano de fondo, para acadar este éxito? “A clave é que a historia está ben contada, engaiola os espectadores”, afirma Vilar. Aínda segue nos cines, mesmo onte (domingo 5 de abril) en Ponteareas foron vela preto de 600 rapaces e rapazas. Pero non é só para xente nova, o filme levou catro xeracións ao cine: “en Ourense, onde chegou a desprazar nas carteleiras un filme norteamericano, vías dende xente de 14 a 20 anos até os pais ou avós”.
O idioma, no seu caso, foi unha aposta fundamental: “traballamos durante dous meses, cunha lingüista, e comprobamos que os actores estaban moito máis críbeis. O idioma é algo fundamental, que hai que coidar o mesmo que a música ou a luz”. As producións en galego e sobre temas propios son quen de competir coas multinacionais, e Pradolongo demostrouno de sobras, malia o contexto adverso: “é común a todo o cine europeo”, salienta Vilar, “topar unha competencia moi dura: os americanos controlan as distribuidoras e as salas”.
Explica que para que Pradolongo puidese encher as salas, o equipo tivo que asumir un intenso labor de distribución. “Tivemos que distribuíla nós, negociar directamente cos cines. O goberno catalán, nese sentido, fixo unha aposta interesante: que o 50% dos filmes sexa catalán, e está a dar resultados. Para facer bo cine hai que facer cine primeiro, consolidar a industria”. O cinema europeo ten moitas posibilidades fronte á omnipresenza de Hollywood. Pon como exemplo a francesa Benvidos ao norte (Bienvenue chez les Ch’tis, de Dany Boon), un filme de baixo presuposto “que está a arrasar: en Francia leva 15 millóns de espectadores”. A aposta está en consolidar unha linguaxe propia no eido das artes audiovisuais. “Un país sen cinema está condenado ao silencio”.
De Vilariño de Conso á Habana
Precisamente, un dos actores do filme de Vilar, Rubén Riós, está a consolidar a súa carreira como director. A súa opera prima, Adeus Edrada?, compite no Festival de Cine Pobre Humberto Solás de Cuba, que terá lugar a mediados de abril. “Para o equipo é unha satisfacción e un pracer”, conta Riós, que estará na Habana do 15 ao 25 de abril, e tamén chegará ao festival de Grecia. Esta historia de Santas Compañas e cativos con medo, ambientada na aldea de Edrada (Vilariño de Conso), chegou xa a Chile ou China. “Comprobei que aquí funcionaba ben (levou premios en Irún ou Torrelavega), e pensei en empezar a movela fóra. Algo que hai que reivindicar é que, aínda que están moi ben as axudas á produción, temos que mirar pola distribución. Coñezo proxectos moi bos de xente nova, pero que están na mesa de noite”.
Adeus, Edrada? é unha homenaxe á aldea, á tradición oral, “pero para que o vexan no mundo. Aquí non teremos Día de Acción de Grazas, pero temos Santa Compaña. Si que é posíbel chegar fóra: é importante, á hora de crer nos proxectos, saber que poden saír fóra das nosas fronteiras”. A clave para o traballo neste campo é “fe absoluta no que fas. Por outra banda, o feito de levar cinco anos cun bo ritmo de traballo permíteme ter un apoio económico para asumir riscos, como levar 30 persoas catro ou cinco días a 250 quilómetros das súas casas a rodar”.
O verinés aproveitará para estrear tamén na Habana o seu último traballo, Coser e cantar, sobre Doña Helena, un personaxe que aínda hoxe é unha icona identitaria do entroido de Verín. “Nesta segunda curta conto con profesionais cos que non imaxinaba traballar. Cando se sabe que traballas nun formato serio, tes as cousas claras e tes ilusións, podes arriscar. Quédanos moito por andar, sobre todo no campo das curtametraxes, que, se me apuras, son máis difíciles de facer que unha película: quen acomete unha longametraxe ten as costas cubertas, conta cunhas salas e unhas expectativas de proxección que cando fas curtas non tes. Amais de vixiar a calidade do filme tes que facer o esforzo de promoción: no Auditorio de Ourense conseguimos que houbese mil persoas a ver esta curta. Con todo, neste novo proxecto (Coser e cantar) xa están entrando empresas privadas”.
Coma Vilar, a lingua é un referente fundamental: “estamos nun momento en que está moi politizada, pero non se trata de velo dende o conflito, senón de facerlle ver á xente que está aí, é a nosa riqueza. E para iso, o cine é fundamental. Lembro que en Pradolongo, o personaxe de Tamara (Canosa) dicía verdade, o meu, verdai, e o de Roberto (Porto), verdá. Pero así é como fala alí a xente... Do que se trata é de reflectir esa diversidade, que a lingua é rica, está viva”.