Europa Press . O presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, anunciou que a Administración galega lle abriu un expediente ao deputado do PPdeG Agustín Hernández por 'unha infracción de carácter grave' que 'debe ser reparada desde a función pública', aínda que evitou precisar se será resolto polo actual Goberno galego ou polo seu sucesor.
Preguntado polos xornalistas na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, entendeu como unha "infracción grave" o feito de que o deputado popular fose fichado como conselleiro no 2006 por unha sociedade integrada no grupo construtor Puentes y Calzadas cando, un ano antes, adxudicara a esa empresa infraestruturas por máis de 30 millóns de euros mentres ocupaba o cargo de director xeral de Obras Públicas no último Executivo de Fraga. "Desde o punto de vista ético, político e, previsibelmente, xurídico, non cabe ningunha dúbida de que existe un incumprimento da lei", reprobou Touriño, quen apuntou que esta infracción "leva aparellada unha inhabilitación para o exercicio de calquera cargo público durante tres anos".
Reunión do Consello da Xunta.
Ademais, incidiu en que a Lei de Incompatibilidades 9/1996 é "taxativa" e "non ofrece lugar a dúbidas nin interpretacións" no seu artigo 3, que estabelece que "nos dous anos seguintes á data de cesamento de membros da Xunta e altos cargos, non poderán realizar actividades privadas relacionadas con expedientes ou materias coas que traten durante a súa responsabilidade".
Utilizando a normativa, que tamén tipifica as infraccións, Touriño considerou que se trata dunha falta "grave" posto que "non causa dano á Administración", aínda que censurou o "reprobábel" dunha "conduta" que provoca "unha grave confusión entre o público e o privado".
Incompatibilidades
"A natureza da lei é delimitar o ámbito público do privado e evitar colisións entre eles", indicou, e explicou que o decreto aprobado pola actual Xunta engade a creación dun rexistro ao que deben dirixirse os altos cargos tras o seu cesamento para informar "do que van facer". Algo que xustificou o xefe da Xunta no "mellor funcionamento" da lei e que este caso "demostra" que é necesario.
Por iso, defendeu a apertura do expediente en que se ten que facer “en canto se detecta esa suposta falta grave". "Do mesmo xeito que en calquera outro caso", asegurou, e explicou que o director xeral de Función Pública será o encargado de "comprobar materialmente os supostos" e "decidir o que hai".
“Non é de recibo”
En todo caso, Touriño censurou que o presidente do PPdeG e futuro líder do Executivo galego, Alberte Núñez Feixóo, "avale" e "considere positiva e satisfactoria" a "conduta" deste deputado do seu partido que, ademais, forma parte da comisión para o traspaso de poderes. De feito, o xefe dos populares galegos defendeu como "absolutamente legal" a actuación de Hernández.
Ante esta constatación, o socialista tachou de "reprobábel" a "conduta" de Hernández e considerou que "non é de recibo". "Non é de recibo esta confusión manifesta entre o público e o privado, nin por parte dun deputado, nin moito menos por un candidato a presidir Galiza", criticou.
Descargar Tarifas