Anuncio na prensa angolana de condóns
A todas luces, Joseph Ratzinger, Papa de Roma, o asiste a necidade e a irresponsabilidade máis nociva. O seu discurso en Camerún e Angola merece unha unánime condena pola súa impunidade e por dar vivas á morte e non á vida. Recomendarlles aos africanos que non usen preservativos equivale a espallar a SIDA nun continente, como o africano, infectado por este virus, polo que xa morreron varios millóns de persoas e mais de 20 millóns están infectadas. Como se pode proclamar que o problema da SIDA “non se pode resolver co reparto de preservativos”, e continuar afirmando: “con eles só aumentan os problemas”. Fascinante o discurso dunha Igrexa que ignora esa sociedade promiscua, por antonomasia, cun rol cultural moi distinto ao que os xerarcas do Vaticano pretenden impoñerlles aos africanos.
A África polígama e animista precisa de medios para conbater a progresión epidémica e non alienala ou sometela a que practique o matrimonio monógamo. Se o discurso ía dirixido aos católicos africanos, mal lle vai a unha confesión como a católica, que os seus dirixentes se aferran ao matrimonio e as persoas practican o desliz.
O discurso de Ratzinger veu botar por terra todo ese esforzo que os expertos da ciencia e da medicina, con miles de pioneiros que informan e reparten preservativos para que esta devastadora epidemia non avance. Hai un esforzo colectivo e humanista por salvar vidas por medio do condón. E isto significa entender a tradición, a sexualidade e a cultura dos africanos. Un continente sometido a tantas hecatombes, a tantas intromisións colonialistas, entre elas o poder manipulador e irresponsábel dos magnates da curia.
Ratzinger foi a un país a conmemorar os 400 anos do colonialismo portugués, onde os xesuítas teñen unha historia bastante perversa, naquela colonización. Angola é un país que desde hai anos loita contra a SIDA informando e recomendando a camisinha (condón). En 1990 –na miña primeira viaxe a este país– chamoume a atención no Jornal de Angola a publicidade que se emitía a usar a camisinha. As autoridades angolanas, os médicos e a sociedade científica facían e continúan facendo un enorme esforzo apostando pola vida.
En certa ocasión pregunteille a unha monxa de Logroño que estaba nunha misión católica na provincia angolana de Malange, polo problema da SIDA e a resposta foi apostar polo condón, como salva vidas. Por iso que dentro da Igrexa de Roma hai sensibilidades, por parte dos que viven en directo os problemas do día a día e os do alto ego que están illados nos seus apousentos mediáticos, coidando en adoutrinar, castrar e mediatizar, importándolles un carallo os que morren e os que se infectan. Nesta ocasión, Ratzinger deulle vivas á morte.
Descargar Tarifas