Redacción . Os delegados e delegadas da CIG-Construción realizaron hoxe unha nova xornada de mobilización en distintas obras e infraestruturas co fin de denunciar o incumprimento do convenio no relacionado ao exceso de xornada e ás retribucións salariais. O sindicato xa advertiu de que continuarán coas accións até que se corrixa a situación.
Protesta da CIG no sector da construción en Vigo.
1 / 4
Xoan Xosé Melón, secretario nacional da CIG-Construción, subliñou esta mañá nunha asemblea en Vigo a importancia desta xornada "como un novo día de accións coordenadas e simultáneas en todo o país para denunciar os abusos que estamos a vivir no sector". Melón incidiu en que esta campaña de denuncia "está nunha primeira fase, pero se as cousas non mudan pasaremos a unha fase de maior contundencia despois do verán".
Ás once da mañá chegaban máis de 100 delegados e delegadas das comarcas de Vigo e Pontevedra até o cruce de Colón, onde está situada unha das obras máis grandes da cidade: a do aparcadoiro de Policarpo Sanz, da que é responsábel o Concello de Vigo. Segundo a CIG, nesta obra realízanse xornadas moi superiores ás marcadas polo convenio e as horas extra non se pagan segundo o estabelecido . Os traballadores da Construción entraron nesta obra, onde realizaron unha asemblea cos empregados que estaban a traballar na mesma, que quedou paralizada durante algo máis dunha hora.
O seguinte punto de encontro foi a delegación da Inspección de Traballo en Vigo, onde fixeron entrega dunha denuncia na que se expuñan "o deterioro das condicións de traballo e os incumprimentos do pactado nos convenios colectivos no sector da Construción da provincia de Pontevedra".
Obras do Ikea na Coruña
Pola outra banda, delegados e delegadas da CIG-Construción concentráronse nas obras das futuras instalacións de Ikea no Polígono de A Grela, na Coruña. A decisión de trasladar a mobilización a este punto veu tomada, segundo explicou o responsábel comarcal da federación, Vitorino Ares, pola situación de abuso de xornada e falla de seguridade que sofren os operarios e operarias desta obra.
Ares explicou que a semana pasada presentaron unha denuncia ante a Inspección logo de coñecer que as empresas responsábeis das obras ameazaron os traballadores con despedilos se non acuden ao seu posto os feriados recollidos no convenio.
Un 56% máis de parados en Lugo
A CIG-Construción de Lugo volveu realizar a acción reivindicativa nunha obra pública, desta volta trasladáronse até Xermade para concentrarse nun tramo da autovía de Ferrol-Vilalba. Afonso Losada, responsábel comarcal do sector, lembrou que o número de parados na construcción na provincia de Lugo medrou en 400 persoas no últimos mes e "no acumulado anual xa acadamos un 56 por cento de desemprego que no pasado ano".
A este respecto, destacou que se continúan a realizan xornadas "de 10 e até 12 horas diarias".
Suspéndese o acto en Ourense
Segundo informa a CIG, por mor do peche de varias empresas da construción e aos conflitos abertos neste sector na provincia de Ourense tivo que suspenderse esta acción, pola gravidade de situación e pola necesidade de atender os problemas do sector que xurdiron nas últimas horas en Ourense.
A primeira xornada de denuncia dos incumprimentos tivo lugar o 11 de febreiro, día no que a CIG ocupou distintos tramos das obras do AVE, tamén en distintos puntos do país.
Descargar Tarifas