En 1999 un acordo de progreso chegou ao goberno en Balears grazas a un pacto no que participaron cinco forzas políticas. A inexperiencia na coalición e algunhas tensións internas que fixeron que se visualizase un executivo multicéfalo, levaron á vitoria ao PP. Catro anos despois, en 2007, a esquerda e o nacionalismo recuperaban o poder. Trátase dun caso do que se poden tirar conclusións na Galiza.
Para entender o panorama electoral balear hai que atender a claves políticas pero tamén aritméticas. Cada illa representa unha circunscrición electoral nos comicios autonómicos, de modo que Mallorca conta con 33 representantes, Menorca con 13, Eivissa con 12 e Formentera con 1. O Parlamento está integrado por 59 deputados, cunha maioría absoluta constituída por 30 representantes. Neste contexto, Eivissa, e en menor medida Mallorca, é crucial para a composición de maiorías porque un dez por cento dos votos son os que determinan a quen corresponde o escano número doce: ben ao PP, que entón suma sete deputados fronte a cinco da esquerda e o nacionalismo, ben estes últimos, que se igualan a seis coa dereita.
Tras anos nos que o PP exerceu o poder nas Illas Balears, en 1999 a esquerda e o nacionalismo uniuse en Eivissa e conseguiron seis escanos, cifra que non alcanzaban a pesar de contar con máis votos que o PP porque concorrían desunidas. Neses comicios, Unió Mallorquina, unha forza de centro dereita que apoiaba o PP, decidiu darlle as costas aos populares e facilitou a elección do socialista Francesc Antich como presidente dun goberno con cinco partidos integrados nel, o goberno de progreso.
“Na xestión do pacto de progreso houbo moita desconfianza, enfrontamentos duros, sensación de desunión e unha presión do Estado, gobernado por Aznar, e dos hostaleiros contra a imposición da ecotaxa que gravaba cun euro a estancia diaria dos turistas nos hoteis. Ademais, o PP non se esborrallou a pesar de perder o poder”, explica o xornalista Miquel Payares, delegado nas Illas Balears do semanario El Temps. Tras esa primeira experiencia, nas autonómicas de 2003 o pacto de progreso rachou en Eivissa e o PP conseguiu o escano que lle faltaba para a maioría absoluta, o que lle deu o goberno durante a seguinte lexislatura.
Derrota e recomposición
A derrota electoral das forzas progresistas sumiu a esquerda política e o nacionalismo nunha profunda crise. O presidente saínte marchou a Madrid como deputado do PSOE, os nacionalistas do Partit Socialista de Mallorca viviron unha escisión e o seu principal dirixente tivo que abandonar a política en 2006. O presidente Jaume Matas (PP) paseouse polas illas nunha lexislatura vitoriosa (2003-2007) na que non tiña enfronte unha oposición parlamentaria real. O desánimo das forzas progresistas era patente ao considerar que non había opción contra a dereita.
Mais Jaume Matas non aproveitou a conxuntura para consolidarse porque pensou que a esquerda e o nacionalismo non eran quen de recompoñerse. Non andaba moi errado, pero iniciou unha política de construción de grandes obras de infraestruturas que espertou a conciencia da outra esquerda, a social. Autovías innecesarias construídas no ronsel de intereses económicos particulares como a de Eivissa, o metro de Palma e en xeral varias actuacións que implicaban a destrución do territorio, trouxeron consigo grandes mobilizacións sociais ao final da lexislatura. En marzo de 2007, a só uns meses das eleccións autonómicas, tivo lugar en Palma a maior manifestación da historia do arquipélago; participaron 50.000 persoas.
A esquerda política e o nacionalismo reaccionaron impulsados polas mobilizacións sociais. En Eivissa recompúxose a coalición progresista e en Mallorca uníronse todas as forzas á esquerda do PSOE e o nacionalismo. O resultado foi que nas autonómicas de 2007 o PP e os progresistas empataron a seis deputados en Eivissa, mentres que a unidade da esquerda e o nacionalismo lle impediu ao PP lograr un escano máis en Mallorca. Contra todo prognóstico, outra vez as forzas de progreso sumaron 30 escanos e constituíron un novo goberno de coalición que preside outra volta o socialista Francesc Antich.