Europa Press . O portavoz do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, Carlos Aymerich, confirmou que os nacionalistas ocuparán a segunda praza da candidatura conxunta ás eleccións europeas na que concorrerán con ERC, Aralar e EA; e ratificou que o mandato será 'compartido en función dos votos' das dúas forzas se a alianza obtén un único eurodeputado.
Nunha entrevista concedida a Europa Press, Aymerich argumentou que esta coalición propicia "o escenario con máis garantías" para que os nacionalistas galegos se aseguren a súa presenza no Parlamento Europeo". "Dito claramente, entre ir de cuarto nunha lista co PNV e CIU ou ir de segundos con ERC ou CHA, co acordo de compartir a estancia no Parlamento, a opción é esta", manifestou. Así mesmo, afirmou que os seus "cálculos e previsións" apuntan a que "hai moitas opcións, case todas as opcións, de ter representación", a pesar de que na próxima lexislatura o número de eurodeputados que se escollen pasa de 54 a 50 fronte ao anterior mandato. Ademais, o dirixente nacionalista matizou que a decisión de concorrer con ERC, Aralar e EA "deberá ser ratificada" polo Consello Nacional, que se reúne o vindeiro sábado día 4, xa que "o que fixo a Executiva Nacional é facer unha proposta". Do mesmo xeito, remitiu a decisión de quen será o candidato nacionalista á reunión que celebrará o día 25 de abril o máximo órgano de decisión entre asembleas do Bloque. Aymerich aclarou que "non unha hai razón estratéxica" detrás desta postura, e que tampouco se produciu un xiro ideolóxico", e asegurou que o BNG "segue mantendo Galeuscat, para o que a alianza foi creada". "A defensa dun Estado plurinacional e plurilingüístico", apostilou. Alianza Galesucat O portavoz parlamentario nacionalista apuntou que esta determinación xa foi traslada aos seus socios da alianza Galeuscat. "É evidente que a nosa opción sería repetir, pero nesta ocasión, por razóns que lamentamos, non foi posíbel", declarou. Neste sentido, Aymerich desvelou que unha das razóns do rexeitamento a concorrer con PNV e CIU débese ás reticencias de Unió e a "condición" desta formación de ocupar o terceiro posto da coalición, co que o BNG quedaría relegado ao cuarto lugar da candidatura. "De acordo coa lexislación electoral, celébranse as eleccións cunha circunscrición única (de España), o que nos obriga ás formacións que non somos de ámbito estatal a buscar alianzas, pero por razóns puramente tácticas", expuxo. Neste sentido, recoñeceu que "o BNG estaba manexando diferentes opcións e a tradicional era Galeuscat, pero tiña outras". "Optamos polo escenario que consideramos mellor para os intereses electorais do BNG", resolveu Aymerich. O único eurodeputado co que contou o BNG foi Camilo Nogueira entre os anos 1999 e 2004. Ese ano, os nacionalistas galegos concorreron ás eleccións europeas na alianza Galeuscat, que finalmente conseguiu dous deputados, de forma que o Bloque quedou fóra da Eurocámara, xa que concorría no terceiro posto da candidatura conxunta.
.
Descargar Tarifas