
O meigallo entra no corpo de varios xeitos. Unhas veces de xeito material, co alimento (dándolle substancias que levan meigallo, como sangue menstrual ou pelos da bruxa), ou sinxelamente achegándolle as substancias: poñendo os pelos da bruxa apegados na porta da casa, na roupa, etc. Tamén pode ser con substancias previamente ameigadas. Outras veces a bruxa usa feitizos maléficos a distancia, como o aceite de mirra ou outros. Recolle Antonio Fraguas a cantiga: “Heiche de dar o meigallo, heiche de dar o feitizo, heiche de dar o meigallo, no pemento do chourizo”. Di unha doente: “Teño nervios na cabeza. Maréome, perdo o coñecemento. O meu mozo, que era mariño, deixoume porque unha veciña, enfermeira, que ía detrás del escribiulle dicíndolle que eu saía con dous. Deixoume. Ela deunos aos dous unha droga na bebida na discoteca unha vez que fomos con ela”.
Ademais están os casos de aculturación e de contaminación cruzada: “Sabe vostede o que é o bilongo? Un mozo está namorado dunha rapaza ou ao revés: dálle bilongo para que non se vaia. Eu o que teño oído é que raspaban as uñas nunha copiña e o mozo dáballa a tomar á moza. Se a moza bebe coa man dereita queda enfeitizada, xa non se vai, queda amarrada, seguro que casa con el. Agora, se ten malicia e pensa que o poden enemigar, tómao coa man esquerda e non lle pasa nada”.
O bilongo, como saberán, é propio das meigas cubanas. De paso resalto un tema que ata agora non se ten investigado: o da man dereita (e os dedos) relacionado coa posesión diabólica, coa transmisión dos demachiños dunha meiga a outra.
Conta Lisón:
“A min o demo entroume pola cabeza, polo rodete que levamos na cabeza para cargar a cesta do peixe. Había unha señora de certa reputación na aldea. Vina diante por un camiño, xa hai anos; non quería acercarme, por non saudala e ter que lle levar a cesta que ela levaba na cabeza sobre un rodete. Pero decidinme a pasala: saudei e ofrecinme a levarlle o peixe. Deumo co rodete porque eu non tiña. O rodete ía quente, fervía. Póñoo na cabeza e maréome, esmágame. Canto máis andaba máis me mareaba. Desde aquela empecéi a ir mal: Esa señora era mala. Cando a xente ía vender o peixe vendía máis a que primeiro chegaba, polo sitio que collía. Esta muller convertíase en cousas raras, era mala. Convertíase en cabalo e chegaba primeira. Decatáronse por que unha vez ían todas xuntas levando peixe e de pronto oíron un ruído como de cabalo e vírona parada, coa cola de cabalo meneándoa, apoiando a cesta no valado”.
Para írmonos aclarando: o meigallo é a causa do ramo cativo (unha das causas, cando menos).
Descargar Tarifas