Manuel Vilas . Os ecoloxistas pararon unha granxa da empresa que dirixe Ramón Álvarez Cascos en Rinlo. O proxecto segue adiante parcialmente grazas ao Plan Acuícola aprobado polo bipartito. ADEGA pediu de novo a súa derrogación total.
Montse Lombarída, de ADEGA, amosa a SMS 'Se os acabó el chollo' presuntamente enviada por Ramón Alvarez Cascos.
Ramón Álvarez Cascos, irmán do ex-ministro do PP Francisco Álvarez Cascos, enviou unha SMS “ameazante” á responsábel de ADEGA en Lugo na noite electoral. Así o denunciou xa o colectivo ecoloxista perante os xulgados e tamén este luns nunha rolda de prensa en Compostela.
“Se os acabó el chollo” reza a mensaxe mostrada esta mañá por Montserrat Lombardía. ADEGA denuncia que Álvarez Cascos enviouna ás 23.00 horas do 1M, cando a vitoria conservadora nas urnas xa era un feito.
ADEGA parou a planta nos xulgados
Ramón Álvarez Cascos dirixe ACUINOR, firma que promove unha piscifactoría en Rinlo, na Mariña lucense. ADEGA logrou parar nos xulgados a construción da planta, pois invadía a Rede Natura.
Mentres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non se pronunciaba, Lombardía e outros ecoloxistas acudiron a Rinlo para impedir coa súa presencia a desfeita ambiental no Lugar de Interese Protexido da famosa praia das Catedrais. ACUINOR solicitoulles unha indemnización de 30.000 euros, demanda desestimada pola Xustiza.
A granxa segue adiante fóra da Rede Natura
A mensaxe, que tamén foi recibida presuntamente por outros ecoloxistas, ten “unha clara intención intimidatoria” para ADEGA. E é que o proxecto de ACUINOR segue adiante, excluíndo os terreos da Rede Natura, grazas a aprobación do polémico Plan Acuícola por parte do bipartito de BNG e PSdeG. Tanto ADEGA como outros colectivos ecoloxistas e veciñais opóñense a construción de varias das plantas, tanto dentro como fóra da Rede Natura.
Descargar Tarifas